O Ministerio ve asegurado o corredor de hidróxeno pese á aposta nuclear gala

Francia defende o transporte de combustíbel de orixe atómica polo H2Med.
A ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, esta segunda feira nunha conferencia (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, esta segunda feira nunha conferencia (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

A vicepresidenta terceira e ministra española para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, asegurou esta segunda feira que o proxecto para construír un corredor enerxético entre a cidade catalá de Barcelona e a francesa Marsella (H2Med) non está en perigo.

Así o fixo a ministra española despois da polémica xurdida na pasada semana con Francia vinculada ao interese do Estado galo en que por esa infraestrutura circule hidróxeno de orixe nuclear.

"Non, non creo que estea en perigo. Creo que hai un consenso moi elevado a nivel da Unión Europea (UE) sobre a importancia das interconexións", explicou a representante do Executivo do Estado español.

"É verdade que o debate sobre como aseguramos que Francia se poida sentir cómoda na súa opción en favor da enerxía nuclear é un debate importante", proseguiu sobre a polémica co Estado galo.

"Todos sentimos que isto é unha prioridade para o Goberno francés, mais non creo que iso teña un impacto na relación bilateral", detallou a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Nesa liña, Teresa Ribera resaltou tamén que o compromiso de Francia co proxecto é "serio", tanto en materia de investimento como na súa contribución ao desenvolvemento desta infraestrutura.

Diferenciar entre tipos de hidróxeno

Ribera, que compareceu ante os medios tras a firma dun acordo de cooperación en materia de hidróxeno renovábel cos Países Baixos, opinou tamén que é necesario que na UE se deixe claro e se diferencie ben entre o hidróxeno renovábel ou verde e o de baixas emisións, en referencia, entre outros, ao nuclear (denominado hidróxeno rosa).

Desta forma, a ministra española mostrouse convencida dos avances no desenvolvemento do hidroduto. Un futuro que non é tan claro para a conexión da infraestrutura coa Galiza, non incluída nos plans actuais, un feito censurado por todos os partidos políticos con representación no Parlamento da Galiza.

Comentarios