O Ministerio relega a inclusión da Galiza no corredor de hidróxeno á segunda fase

Teresa Ribera sostén que o territorio galego "non queda fóra do H2Med".
A vicepresidenta terceira do Estado español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta terceira do Estado español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, esta terza feira (Foto: Carlos Luján / Europa Press).

A Galiza "non queda fóra do H2Med -o corredor de hidróxeno que conectará a península Ibérica co resto da Unión Europea (UE)-", afirmou esta terza feira a vicepresidenta terceira do Estado español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera.

Porén, acto seguido, explicou que se trata dunha cuestión "que xa respondín hai uns días". Así, referiuse ás declaracións previas nas que relegaba o desenvolvemento das interconexións da infraestrutura na Galiza para unha segunda fase.

"O transporte do hidróxeno está planeado no esqueleto integral de tubaxes na Comisión Europea con dous eixos vertebradores [da península Ibérica] norte-sur e leste-oeste máis algunhas ramificacións", sinalou Ribera na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e Ministras desta terza feira. 

"De feito, a conexión coa Galiza forma parte dese proxecto no que os dous transportistas operadores do sistema de gas, Enagás e Reganosa, estiveron traballando xuntos, así que non queda fóra, a nosa preocupación e o noso traballo na Galiza en materia de enerxía foi coidadoso, cremos que podemos integrar ben as cuestións ambientais coas novas enerxías", afirmou.

Desta forma, a vicepresidenta terceira española afirmou que a Galiza estará presente no proxecto do H2Med. Porén, coas súas declaracións, reafirmou que a inclusión se refire a unha segunda fase aínda por determinar. A infraestrutura inicial, a única da que se coñecen os detalles e que exclúe a Galiza, ten prevista a súa culminación para o ano 2030 e un custo estimado de 2.500 millóns de euros.

Unanimidade na Galiza

Todas as forzas con representación no Parlamento galego coinciden na reivindicación da entrada da Galiza na primeira fase do corredor de hidróxeno H2Med. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde, insistiu esta terza feira en pedir ao Goberno do Estado español que "rectifique" e inclúa a Galiza no proxecto.

Neste sentido, o BNG foi a primeira forza en reaccionar. Ao día seguinte de coñecerse o proxecto do corredor de hidróxeno H2Med, o 17 de decembro de 2022, o deputado nacionalista no Congreso español, Néstor Rego, denunciou que "a proposta de corredor de hidróxeno renovábel deixa fóra por completo a Galiza pondo en perigo os proxectos de produción".

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, tamén se pronunciou ao respecto do proxecto H2Med nunha visita á Zona Franca de Vigo o 10 de xaneiro, na que solicitou ao Goberno estatal a incorporación da Galiza na rede de hidrodutos que conectará a península Ibérica co resto da UE.

Transición xusta

Ribera tamén se pronunciou sobre os proxectos de transición xusta na Galiza. "Debemos dar saída a todos os procesos de transición xusta con algunhas das plantas térmicas de carbón máis importantes na Galiza, xerando oportunidades e coa industrialización na planta de Alcoa, para a que traballamos nos proxectos de enerxías renovábeis e nas declaracións de impacto ambiental asociadas para que poida ter percorrido", dixo.

O Executivo estatal di que "queda pendente" o Perte en Stellantis

A ministra española para  a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, tamén se referiu esta terza feira ao desenvolvemento das axudas aos proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) do vehículo eléctrico na Galiza.

Así, destacou "o papel estratéxico que tivo Stellantis en Vigo, sobre o que queda pendente responder á Xunta da Galiza, cousa que faremos en breve e que nos leva a pensar en que, xunto con outros proxectos estratéxicos grazas ao financiamento da UE con Repower, poderemos investir en máis redes de transporte pero tamén en subestacións, unha delas en Vigo", relatou a vicepresidenta terceira española.

No entanto, Stellantis anunciou este mes o desenvolvemento dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) na factoría da empresa en Vigo que afectará até 100 persoas traballadoras.

Comentarios