Milleiros de voces denuncian o calote das preferentes ás portas da residencia de Feijóo

Milleiros de persoas participaron hoxe na manifestación convocada polas plataformas de estafad@s polas preferentes. Unha mobilización na que se denunciou a connivencia do goberno central e autonómico cos bancos "para non devolvernos os nosos aforros"

De Ortegal ao Miño e de Fisterra ao Cebreiro. Milleiros de persoas procedentes de diversas cidades e vilas do país acudiron este sabado a Compostela para denunciaren "a estafa dos bancos e a complicidade do goberno" nas preferentes e subordinadas. Unha mobilización que partiu da Alameda compostelá e finalizou ante a residencia do presidente da Xunta, percorrendo rúas entre aplausos da veciñanza de Santiago. Na protesta había, para alén de milleiros de estafados e cidadáns que querían apoiar as súas demandas, representantes do BNG, AGE e PSdeG-PSOE; así coma dos sindicatos CIG, UGT, CC OO, CUT ou CNT.

 A finalidade da mobilización era deixar claro o rexeitamento dos e das estafadas á quita e á canxe

A manifestación percorreu a capital da Galiza entre o son persistente de bocinas e asubíos, para alén de palabras de orde nas que se denunciaba tanto o papel das entidades financeiras como dos gobernos autonómico e central: "Estafados polos bancos, expropiados polo goberno". A finalidade da mobilización era deixar claro o rexeitamento dos e das estafadas á quita e á canxe.

Sen tregua

A marcha ía gañando en animación e intensidade a medida que se ía achegando á residencia de Níñez Feijóo. A choiva e o frío non arredraban a xente como Carmela, do Rosal, que afirmaba que "após traballar emigrada en Francia durante anos para aforrar uns cartiños, enganáronnos e Novagalicia Banco queda con eles. E a Xunta, que debía mirar por nós, o que fai é mirar para outro lado".

Foi unha hora de marcha até chegar ás portas da residencia do presidente da Xunta, blindada pola presenza de ducias de antidisturbios e unha decena de furgonetas da policía. "Nós somos o pobo, de quen se quere protexer Feijóo? Tanta policia...somos Barcenas ou que?", ironizaba Daniel, de Boiro.

"Robin Hood roubáballe aos ricos para dar aos pobres. Feijóo rouba aos pobres para darllo aos ricos"

 "Non imos parar"

Eran milleiros ateigando as rúas de Compostela. E aturaron inclemencias e cansanzo para chegar até a residencia de Feijóo: "A ver se aquí, berrándolle á porta nos fai caso, porque até o de agora, naranjas de la China" afirmaba Maribel, da Coruña, que sinala que "me roubaron co timo das preferentes 12.000 euros. E teño dous fillos no paro e non podo retirar os cartos...ladróns!!".

Pilar Domínguez, compostelá viúva con tres fill@s e estafada nas preferentes, foi a encargada de ler o manifesto. Unha lectura con milleiros de afectados escoitándoa e ducias de policías detrás, vixiantes. Domínguez incidiu en que este calote non era só posíbel polas entidades financeiras, senón tamén pola implicación dos gobernos, "que non fan nada".

Apoio

Abel Losada, voceiro do PSdeG no Parlamento, esixiu que a arbitraxe, que o PP "usou como arma electoral, se estenda no tempo, desenvolvéndose nun contexto de transparencia, xustiza e racionalidade".

Desde o BNG, demandouse por boca do seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, unha solución política, “o goberno Rajoy, dixo, ten que establecer as normas para que a banca devolva o que de xustiza é dos seus donos” en alusión aos estafados e estafadas deste produto financeiro. E AGE incidiu no "roubo descarado a milleiros de cidadáns" que supuxeran as preferentes e subordinadas, emprazando ao goberno a "mollarse e dar solucións".

Comentarios