Valdeorras conta con 500 castiñeiros máis sementados por Mel da Galiza

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel da Galiza realizou onte unha reforestación con 500 exemplares de castiñeiros na aldea valdeorresa de Alixo. A iniciativa procura recuperar esta especie arbórea tan prezada para o sector polas súas propiedades e o seu sabor.
A responsábel da IXP Mel da Galiza, Ester Ordóñez, na plantación de castiñeiros onte en Valdeorras (Foto: IXP Mel da Galiza).
photo_camera A responsábel da IXP Mel da Galiza, Ester Ordóñez, na plantación de castiñeiros onte en Valdeorras (Foto: IXP Mel da Galiza).

O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel da Galiza promove a repoboación de castiñeiros no Barco de Valdeorras e busca difundir a situación vivida nesta comarca tras os incendios de 2022. A iniciativa desenvolveuse esta sexta feira en Alixo, unha das aldeas máis afectadas polo lume. Esta sexta feira plantouse medio millar de castiñeiros grazas á participación de persoas voluntarias. 

A presidenta do Consello Regulador e da Agrupación Apícola da Galiza, Ester Ordóñez, explica a Nós Diario que “facía falta unha recuperación das zonas afectadas polos fogos nesta comarca”, onde se perderon “perto de 700 colmeas”. Ademais, houbo casos en que non arderon, mais padeceron as consecuencias de ver moi reducido a seu aproveitamento apícola “coa queima do monte onde tiñan os apiarios". Para Ordóñez "estaba claro que a repoboación tiña que ser con árbores autóctonas e de aproveitamento apícola” e, neste caso, o castiñeiro, “que ten tamén IXP na Galiza”. 

A escolla de castiñeiros tamén que ver coa súa importancia para obter mel cunhas propiedades idóneas. Nas comarcas galegas do interior, a especie arbórea de maior interese para a elaboración do mel é o castiñeiro. Este mel é de cor ámbar a escuro ás veces con tons avermellados e un  cheiro preferentemente vexetal. O sabor predominante é o doce, que se adoita complementar con salgado, aínda que tamén pode detectarse sabor amargo ou ácido. 

Neste sentido, o Consello Regulador realizou un estudo no que participaron a Universidade de Vigo, a través do grupo de Investigación de Aerobioloxía e apicultura da Facultade de Ciencias de Ourense. O traballo contou con 199 mostras de mel das colleitas do ano 2008, 2009 e 2010. A recollida de mostras realizouse tendo en conta as características xeográficas e de vexetación da Galiza e a importancia da apicultura en cada comarca en colaboración co equipo técnico do Consello Regulador. O resultado constata que o mel de castiñeiro presenta o maior contido en vitamina C. 

Na mesma comarca que se realizou esta sexta feira a reforestación, o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez, indica a Nós Diario que o mel que se traballa nos soutos "é moi prezado para a súa comercialización posto que non cristaliza co tempo". O de castiñeiro é un mel rico en minerais, sobre todo en potasio, calcio, fósforo e magnesio. Atribúenselle propiedades específicas asociadas á mellora da circulación sanguínea.

Incendios e pragas

A situación do mel galego é preocupante. O presidente da Agrupación Apícola da Galiza (AAG) e vicepresidente da IXP Mel de Galiza, José María Seijo, afirmou a Nós Diario que cinco anos atrás podían chegar a recoller 20 quilos por colmea, esa cifra diminuíu de maneira alarmante até os 12 quilos de 2022. Armando Rodríguez asegura que en Valdeorras “primeiro tivemos o ácaro varroa, incompatíbel coas nosas abellas, e despois chegounos a vespa velutina”.

A presión sobre as explotacións apícolas aumentou de tal maneira que “estes anos a situación pode cualificarse de grave”. Por último, as altas temperaturas e os incendios reduciron a mínimos a produción.

Comentarios