Protesta en defensa do mel galego e fronte os “abusos” da industria

mel apicultura
photo_camera Acto nas Cancelas

Unha concentración perante o centro comercial As Cancelas de Compostela denunciará a “confusa etiquetaxe” que utilizan as grandes industrias que envasan mel para enmascarar importacións e sucedáneos de mel de baixa calidade. O acto está convocado polo Sindicato Labrego Galego e conta co apoio da Asociación Galega de Apicultura. Esta terza feira haberá concentración con esta mesma denuncia en diferentes cidades do Estado.

En 2017 alcanzáronse cifras récord de importación. Nunha década duplicouse a entrada de mel foráneo: a nivel estatal, pasouse de 16.000 toneladas en 2007, a 32.000 na última campaña. “As importacións de baixa calidade, a adulteración e os sucedáneos distorsionan o mercado e exercen unha presión continua sobre os prezos e, en última instancia, sobre a calidade do produto no mercado interior”.

A Asociación Galega de Apicultura aposta en divulgar a importancia do consumo de mel galego fronte a produtos importados “que non garanten calidade nin beneficio para a nosa sociedade”. “Consumindo mel galego, estamos apoiando a apicultura no noso país, co beneficio que aporta tanto para a economía local como para o medio ambiente”. Para asegurarse o consumo deste mel de calidade diferenciada, indican, o único que hai que facer é buscar a etiqueta "Mel de Galicia" nos lineais dos supermercados; ou mercar en feiras ou mercados locais, onde apicultores e apicultoras de confianza ofrecen os seus meles de produción propia, o cal é tamén garantía de proximidade e calidades dun produto artesanal e saudable.

Así mesmo, Adega informa que máis de 100 entidades envían unha carta ao ministro de Agricultura solicitándolle que adopte o documento de orientación da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) sobre a avaliación do risco de pesticidas para abellas e outros polinizadores. Na primeira consulta realizada pola Comisión Europea, España opúxose á adopción inmediata deste documento. O documento podería ser aprobado na próxima reunión do Comité Permanente de Plantas, Animais, Alimentación e Pensos da UE os días 12 e 13 de decembro en Bruxelas.

Comentarios