Medio millón de persoas maniféstanse nunha xornada de folga histórica en Galiza

180.000 manifestantes ateigaron Vigo. Os secretarios xerais da CIG, CCOO e UGT afirmaron que o resultado da xornada de folga volve demostrar que o PP non representa a maioría social.
A Praza de América de Vigo ficou ateigada
photo_camera A Praza de América de Vigo ficou ateigada

A xornada de folga saldouse cun éxito indiscutíbel. O paro foi xeneralizado nos principais sectores, e mesmo o comercio das cidades ficou desta volta paralizado. Porén, máis unha vez as manifestacións serviron de termómetro dunha folga da que o adxectivo recorrente a cualifica como “histórica”.

Medio millón de galegas e galegos saíron as rúas, facendo parte das once manifestacións convocadas nas sete cidades e en varias vilas do país polas tres principais centrais sindicais. Vigo volveu albergar a mobilización máis masiva atinxindo as e os 180.000 manifestantes –140.000 segundo a Policía Local.

O resultado na cidade olívica duplicou as previsións de días anteriores que estimaban en cen mil a afluencia. Unha verdadeira maré humana ateigou o percorrido, que malia ser máis amplo que noutras ocasións, ficou estreito para as ringleiras de decenas de milleiros que desfilaron desde a Praza dos Cabalos para rematar na Praza de América. Esta última, a pesar de ser unha das de maior capacidade da cidade ficou igualmente pequena, e cando xa estaba chea inda seguían a saír persoas do inicio da manifestación. Durante toda a marcha foron constantes as consignas contra os gobernos español e galego.

Máis manifestantes que votos ao PP o 21-O

“Sr. Rajoy, Sr. Feijóo, hoxe en Vigo somos máis na rúa que nas casas, tomen nota” afirmou contundente o secretario comarcal da CIG de Vigo. Minutos despois, o secretario xeral da central sindical nacionalista e de clase, Xesús Seixo, acrecentaba asegurando que “hai máis xente manifestándose e secundando a folga de hoxe da que votou ao Partido Popular o 21 de outubro”.

A maioría absoluta acadada polo PP nos recentes comicios galegos estivo moi presente nas intervencións dos secretarios xerais de UGT e CCOO en Galiza. José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, cadraron con Seixo, en que os resultados da folga do 14N volverían demostrar que “o PP conservou a súa maioría parlamentar, mais non representan a maioría do pobo”. Neste senso, Suso Seixo insistía en denunciar un sistema electoral que permitiu que Feijóo renovase a súa maioría absoluta no Pazo do Hórreo malia sufrir un importante retroceso no número de votos.

A loita continúa

Outro dos leit motiv das intervencións dos máximos dirixentes da CIG, CCOO e UGT, foi insistir na necesidade de continuar cos procesos de mobilización. A consigna foi clara: as protestas deben continuar e intensificarse para forzar unha mudanza radical das políticas actuais, que segundo denuncian, provocarán “o maior empobrecemento da maioría social en beneficio da banca e do grande empresariado”.

Compostela enche a Quintana dúas veces

Perto de 40.000 persoas encheron até en dúas ocasións a Praza da Quintana na cidade de Compostela. Mesmo as organizacións convocantes recoñecíanse abraiadas da participación cidadá a esta xornada de folga xeral que colapsou as rúas da capital galega.

Ao berro de “contra os recortes, contra o capital” milleiros de persoas percorreron desde a Praza Roxa até o casco vello un traxecto que semellaba infinito debido a lentitude coa que avanzaba a manifestación. Con paso lento, mais firme, unha praza a rebordar, amosaba o seu rexeitamento ás políticas levadas a cabo polos gobernos do Partido Popular, tanto na Galiza coma no Estado español.

“Sodes o mesmo pobo que nas revoltas irmandiñas, prendeu lume aos castelos”, aseveraba con forza e a voz esgotada o secretario comarcal da CIG-Compostela, Anxo Noceda, arengando @s manifestantes a continuar adiante na loita contra as políticas anti-sociais “porque venceremos”, sentenciaba a segunda vez que se encheu a praza.

125.000 na Coruña

“Esta foi unha resposta contundente e masiva” ás políticas de recortes do Partido Popular. Máis de 125.000 persoas ateigaron a Praza de María Pita e as rúas da cidade, no que máis unha vez definen como “unha xornada histórica”.

Ferrol quedouse pequeno

“A xente quedou bloqueada na rúa”, así describían esta xornada de folga histórica na comarca de Ferrol, asegurando que as máis de 80.000 persoas que participaron na manifestación non foran capaces de finalizar o percorrido completo por mor da falta de espazo e a imposibilidade de que a mobilización avanzase con normalidade.

A maior manifestación da historia de Ourense e Lugo

En Ourense, as máis de 30.000 persoas que tomaron parte da manifestación converteron a xornada de loita na “maior da historia de Ourense, non só obreira senón cidadá”, aseguraron fontes sindicais. “Foi impresionante, a xente non podía chegar ao final”, aseveraba dando conta de que o final da manifestación --ao igual que nas demais cidades do país-- non puido chegar á Subdelegación de goberno, lugar en que remataba o percorrido. Aliás, apuntan que a cidade estaba completamente paralizada “a nivel industrial e de comercio”.

Por derradeiro, Lugo albergaría tamén unha das manifestacións máis grandes de toda a súa historia. Polas rúas da cidade amurallada desfilaron máis de 12.000 manifestantes.

Pontevedra colapsada

Máis de corenta mil persoas colapsaron a cidade de Pontevedra e obrigaron a alongar o percorrido previsto. A manifestación transcorreu polo centro da cidade, saíndo dunha Ferreiría que houbo que despexar para que os milleiros de persoas fixeran oco na marcha e pasando por Daniel de la Sota, Joaquín Costa, Benito Corbal, Cobian Roffignac, entrando na zona histórica para pasar pola praza da Verdura, Curros Enríquez, Fernández Villaverde, Michelena e desembocar na praza do Concello, atravesando unha cidade cos comercios pechados na súa totalidade. No remate da manifestación, alén de secretarios comarcais das centrais, tomaron a palabra representantes do 15M e estudantes.

Vilagarcía coa industria paralisada

Arredor de 12.000 persoas percorreron as rúas dunha Vilagarcía co sector industrial completamente paralizado e a banca e o comercio coas portas pechadas. A praza do concello abarrotada e as intervencións dos responsábeis comarcais das centrais sindicais construíron o retrato
final da mobilización na capital da Arousa.

A Mariña, a cal e canto

A Mariña sen actividade con Alcoa en servizos mínimos fixeron de Burela o centro da comarca neste día de folga no que unha manifestación de 3.500 persoas rebordou a vila até desembocar diatne da oficina de emprego. O porto completamente paralisado dába idea dun día sen actividade laboral na comarca.

Gardas de seguridade nas pizarreiras

Unha concentración dunhas trescentas persoas participaron na xornada de mobilización no Barco, unha comarca na que boa parte de traballadores e traballadoras secundaron o paro que se notou en especial no sector da pizarra, mália que algunhas das empresas amaneceran con gardas de seguridade privados nas portas. 

A conserva sen actividade 

Como noutras localidades, a de hoxe é a manifestación máis multitudinaria que se lembra en Ribeira. Entre 3.500 e 4.000 persoas participaron nunha manifestación que rematou na praza do concello na que participaron respresentantes de todos os sectores productivos e dos colectivos especialmente afectados pola crise e os recortes da comarca. 

Como noutras localidades, na de Ribeira tiñan entidade propia as plataformas polo ensino e a sanidde pública, os profesionais da xustiza, afectad@s polas preferentes ou as persoas que participan nas mobilizacións contra os desafiuzamentos. 

En canto aos sectores propios da comarca, as conserveiras secundaron maioritariamente a folga, cun cen por cento de traballadoras paradas en empresas como Cortizzo ou Escurís e tamén na Finsa, outro dos emblemas productivos da comarca. 

Comentarios