A matriculación de vehículos na Galiza cae 12,7% en 2019

O aumento da comercialización de vehículos na Galiza en decembro non evitou que as matriculacións fechasen o ano en negativo.
Dúas mulleres diante dun concesionario (Europa Press)
photo_camera Dúas mulleres diante dun concesionario (Europa Press)

As vendas de vehículos na Galiza pisan o freo. Así o corroboran os datos de matriculacións correspondentes ao exercicio 2019. Entre xaneiro e decembro matriculáronse un total de 40.425 vehículos, o que representa unha caída de 12,7% con respecto ás cifras de 2018, ano no que se inscribiron 46.098 unidades, segundo os datos publicados a quinta feira polas asociacións de fabricantes (Anfac), concesionarios (Faconauto) e vendedores (Ganvam). O descenso puido ser maior de non ser porque no último mes do ano aumentaron 2,45%, con 3.853 vehículos matriculados. Con todo, Galiza é o quinto territorio do Estado español onde máis descenden as vendas de vehículos novos, por detrás da Rioxa (14,33%), Cantabria (13,6%), Nafarroa (13,55%), e as Illes Balears (13,38%).

A nota positiva vén do aumento da presenza de vehículos de baixas ou nulas emisións no parque móbil galego. Así, as matriculacións de vehículos eléctricos avanzaron 10,63% en 2019, as de híbridos fixérono 31,06% e só as de propulsión a gas caeron 9,5%. Aínda así, o seu peso no total é relativamente baixo, xa que representan 11,35% das matriculacións rexistradas en 2019.

Conxunto do Estado 

No conxunto do Estado español as cifras tampouco son moi positivas. De feito, a comercialización de turismos caeu por primeira vez desde 2012, un 4,8%, con 1.258.260 unidades entregadas. Ao igual que sucede na Galiza, as vendas de vehículos de baixas ou nulas emisións segue a sumar adeptos. Así, entre xaneiro e decembro matriculáronse 40,7% vehículos electrificados, híbridos ou a gas máis que o ano anterior, cun total de 162.417 unidades comercializadas.

Desde Anfac, Arancha Mur sinala que as vendas de eléctricos puros "avanzan moi lentamente", polo que reclama "plans de axuda efectivos e cunha dotación que lles permita ter continuidade no tempo". 

Comentarios