UNIóN NO SECTOR DO MAR

O mar chega a Compostela para se manifestar contra as políticas do PP

[ACTUALIZADA ÁS 18H] Unhas 50.000 persoas, segundo a organización, participaron na mobilización convocada polo sector do mar para reivindicar un cambio profundo nas políticas do Partido Popular que abocan os traballadores e traballadoras do mar “a unha morte segura”. Entre os berros máis coreados no protesto atopábase o de “Conselleira, dimisión”.

manifestacion mar
photo_camera [Imaxe: GZContrainfo] Manifestación do mar

A sarabia e mesmo a neve non impediron que unhas 50.000 persoas –segundo os dados da organización- se sumaran ao protesto que percorreu na mañá do sábado as rúas de Compostela. A manifestación demostrou a unión dos traballadores e traballadoras do mar, que reclamaron un cambio de rumbo nas políticas do PP contra o sector. Precisamente, esta semana a conselleira do Mar, Rosa Quintana, semana anunciaba a retirada do polémico proxecto de lei de Acuicultura nun intento de frear a mobilización.

Con este protesto multitudinario, os distintos sectores nos que se agrupan os traballadores e traballadoras do mar emprazaron os Gobernos do Partido Popular a acometeren un cambio profundo nas súas políticas, pois advirten de que os levan á ruína e “á morte segura”. Entre as consignas máis coreadas na mobilización destacaron “Pesca artesanal si, piscifactorías non”, “Rexeneración das rías xa”, “Conselleira dimisión” ou “Reparto xusto para as frotas”.

Xocas Rubido: "Foi do tipo dos protestos de Nunca Máis. Impresionaba ver a Praza do Obradoiro ateigada"

En declaracións a Sermos Galiza, Xocas Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, un dos colectivos máis reivindicativos, sinalou que “pouco importou o tempo infernal, con pedra, chuvia e vento, porque a mobilización transcorreu de maneira masiva e festiva, até con música”. “Foi do tipo dos protestos de Nunca Máis. Impresionaba ver a Praza do Obradoiro ateigada... Houbo xente que nin sequera puido escoitar a lectura do manifesto”, explica este traballador do mar, quen salienta que a organización calcula que participaron da manifestación unhas 50.000 persoas, entre as que se atopaban numerosos representantes políticos e sindicais do país.

Para Rubido, a mobilización da mañá do sábado “non só é un éxito, senón que representa un punto de partida da unión de todo o sector do mar para defender o noso futuro e para seguir reivindicando as medidas que nos levamos a unirnos”. “Esta manifestación foi unha garantía de futuro”, subliña. O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa pídelle á Xunta de Galiza e ao Goberno central “que deixen de machacarnos e que nos defendan”.

Andrés García: "Xuntarmos tantas persoas demostra o rexeitamento das políticas que está facendo a Xunta de Galiza, o Goberno central e Bruxelas contra o mar"

Andrés García, patrón maior de Sada e da Asociación de Armadores do Cerco da Galiza (ACERGA), tamén en declaracións a Sermos Galiza, cualificou o protesto de “éxito rotundo”. “O feito de xuntarmos tantas persoas demostra o rexeitamento das políticas que está facendo a Xunta de Galiza, o Goberno central e Bruxelas contra o mar”, indica. “Vendo semellante éxito e unión, esperamos que as Administracións rectifiquen e empecen a traballar con nós e para nós”, engade.

marAo rematar a marcha, o actor Carlos Blanco leu un manifesto en que se fixo alusión ás principais demandas do mar: acabar co recorte das cotas que sofren as diferentes frotas, o saneamento das rías e a participación directa do sector nas políticas a desenvolver. “Non queremos que a Xunta de Galiza volva decidir nada sen telo negociado e consensuado con todos os traballadores e traballadoras do mar afectadas”, explícanos Rubido. A Andrés García as reivindicacións que recolle o manifesto parécenlle “suaves de máis”, mais admite ser consciente de que “non podía ser máis contundente porque tiña que unirnos todos e todas”. “O que quedou claro é que hai un descontento total no noso sector”, conclúe.

O manifesto dos traballadores e traballadoras do mar, que din sentirse “indignados e abandonados”, tamén pediu a defensa do marisqueo; recursos para avanzar no coñecemento de fenómenos como as mareas vermellas; a defensa dos produtos galegos, coa súa identificación e etiquetaxe; a fin da política de despeces de buques e o apoio por parte das Administracións públicas. Todo isto para ter “máis cotas pesqueiras, máis emprego, riqueza e salarios dignos na Galiza”, un territorio que advirten que é "altamente dependente da pesca".

Namentres os partidos da oposición criticaron o PP polo desleixo e o abandono dos traballadores e traballadoras do mar e pola súa política de despezamento de barcos, o PP acusou o PSOE, BNG e AGE de "usar os homes do mar de forma interesada para lle facer oposición ao Goberno".

Comentarios