Madrid 'absorbeu' no que vai de ano 1.700 empresas doutros territorios do Estado

Esas sociedades facturan 2.300 millóns de euros. Nos tres primeiros trimestres , 38 empresas galegas mudaron o seu domicilio á capital do Estado.

madrid porta do sol

Nos tres primeiros trimestres de 2021 case 4.400 empresas cambiaron o seu domicilio dunha comunidade a outra no Estadio español. Un ‘baile’ de sedes no que hai unha clara gañadora: Madrid, territorio que suma ao seu ‘efecto capital’ e a recentralización política e económica xestada nos anos de ‘Gobernos Aznar’ o practicar o que desde outras comunidades (Valencia, por exemplo) sinalan como ‘dumping fiscal’.

Desas máis de 4.000 sociedades, case 1.700 dirixíronse a Madrid para situar alí o seu novo domicilio social. Suman entre todas un volume de negocio de case 2.300 millóns de euros. Da Galiza nestes 9 meses marcharon con dirección a Madrid 38 empresas, con facturación de 51 millóns de euros, segundo o Informe D&B.  No caso galego, nestes tres trimestres, saimos gañando pois 57 empresas mudaron de Madrid a Galiza o domicilio. Suman tamén 51 millóns de euros.

De onde proceden a maioría das sociedades que mudaron o seu domicilio fiscal a Madrid neste período? Dous son os territorios que representan  entre ambos os dous a metade das empresas que deron o paso: Andalucía, de onde entre xaneiro e setembro, marcharon 381 firmas para se asentar en Madrid, e Catalunya, con 365 sociedades.

Tributan en Madrid 3.983 empresas galegas

A seguir figuran Valencia (195 empresas), Castela a Mancha e Castela- león, con 163 sociedades e 155, respectivamente.

Nestes 9 meses da Galiza saíron para outros territorios do Estado un total de 93 empresas, segundo o mencionado Informe D&B, o que vén sendo unha sociedade que ‘lisca’ cada tres días.

Nese mesmo tempo, viñeron recalar ao noso país 122 firmas doutros territorios do Estado. Os principais destinos das empresas galegas que marchan: Madrid, Catalunya e Castela-León. E as orixes das que veñen: Madrid, Catalunya e Valencia.

O efecto sede

Segundo se sinala nun estudo do Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) teñen a súa sede en Madrid 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras. Pola contra só manteñen o enderezo social na Galiza 5,3% das 1.000 maiores empresas do Estado, 5% das 500 máis grandes e 4% das 100 primeiras.

A consecuencia disto Madrid concentra unha quinta parte da renda estatal, dispondo de 19,2% do Produto Interior Bruto (PIB) en 1,6% do territorio. Porén, isto só é posíbel pola localización a efectos fiscais e sociais en Madrid de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutras áreas do Estado.

Tributar

3.983 empresas galegas tributan en Madrid.Segundo os últimos datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), referidos a 2019, destas sociedades, un total de 3.323 desenvolven a súa actividade nos servizos, 357 na industria e na enerxía, 266 na construción e 37 na agricultura e na pesca. Porén, a diferenza doutras anualidades, no referido exercicio tense detido a fuga de mercantís á capital do Estado, fundamentalmente en compañías dedicadas aos servizos. Aínda así, a práctica totalidade das principais mercantís manteñen o seu enderezo social e fiscal en Madrid, destacando as sociedades do sector eléctrico e industrial.

Comentarios