Isabel Vilalba, nova secretaria xeral do SLG

Foi elixida por unanimidade despois de que Carme Freire presentase a dimisión, xunto a outras catro persoas da Executiva, que tamén abandonaron as súas responsabilidades orgánicas, aínda que seguirán na Dirección Nacional da central
photo_camera Imaxe: CIG

A Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego elixiu a Isabel Vilalba como nova secretaria xeral por unanimidade e despois de que Carme Freire, que ocupou o cargo até esta quinta ao serán, presentase a súa dimisión xunto a outras catro persoas da Executiva, que abandonaron tamén as súas responsabilidades orgánicas: Manuel Docampo (Organización), Ana Rodríguez (Finanzas), Xosé Manuel Parente (Sectores Vexetais) e Charo Sánchez Parga (Recursos Produtivos para a Alimentación).

Estas cinco persoas continuarán na Dirección Nacional da central agraria, que encargou a Vilalba a formación dunha nova Executiva. Carme Freire fora elixida secretaria xeral no VII Congreso do SLG, en 2007, responsabilidade na que sería reelixida no VIII Congreso, celebrado o pasado 5 de novembro de 2011. Pola súa banda, Isabel Vilalba é responsable da Secretaría das Mulleres do SLG, forma parte da directiva da Coordinadora Europea da Vía Campesina, e rexenta xunto ao seu cónxuxe unha explotación de vacún de leite e fabas en Lourenzá (Lugo).

Comentarios