O IPC interanual descende por baixo de 2% a pesar da suba de prezos de 0,6% en xuño

A rebaixa do IVE alimentar mantense mentres o IPC subxacente supere 5,5%.
O consumo dos fogares galegos caeu 0,5% no segundo trimestre de 2023 con respecto ao mesmo período do ano anterior (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Venda de produtos cárnicos nun supermercado. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou 0,6% en xuño en relación ao mes anterior. Porén, a alza mensual de prezos non resultou nun incremento da taxa interanual, que descendeu 1,3 puntos porcentuais, até 1,9%, o seu menor nivel desde marzo de 2021, debido ao efecto base, xa que a suba dos prezos de carburantes, electricidade e alimentos foi menor á experimentada en xuño de 2023.

A inflación encadea dous meses consecutivos de caídas interanuais despois de que en maio se moderase a taxa en nove décimas porcentuais, até 3,2%, segundo os datos avanzados publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen contar alimentos non elaborados nin enerxía), que en xuño baixou dúas décimas porcentuais, até 5,9%, situándose catro puntos porcentuais por encima do IPC xeral e no seu menor nivel desde xuño de 2022.

Alén da súa importancia como indicador económico, na actualidade a taxa subxacente tamén ten valor normativo, xa que Goberno estatal manterá a rebaixa do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) de determinados alimentos básicos mentres o índice siga por riba de 5,5%.

Coa caída da inflación interanual por baixo do limiar de 2%, o IPC estatal descende por primeira vez do obxectivo marcado polo Banco Central Europeo (BCE). Porén, a Galiza e o Estado español seguirán sufrindo o endurecemento dos tipos de xuro do BCE, ante a inflación elevada no resto da zona euro e ao non ter soberanía para dirixir a súa política monetaria.

Gasto en alimentación

O consumo por persoa de alimentos da poboación galega diminuíu 9% no ano 2022, até os 594,12 quilos e litros, no contexto dos momentos máis duros da crise inflacionista, segundo se desprende do Informe do consumo de alimentación en España realizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A pesar da redución no consumo alimentario polas dificultades económicas durante o pasado ano 2022, cada persoa galega só aforrou 0,8% de media no gasto en comida durante esa anualidade.

Comentarios