Moncloa manterá a rebaixa do IVE aos alimentos mais Calviño advirte que as medidas 'anticrise' serán "cada vez máis cirúrxicas"

O Consello de Ministros aprobará esta terza feira, segundo avanzou a ministra Nadia Calviño, un novo decreto que prorrogue parte das medidas impulsadas para paliar os efectos da inflación derivada, nomeadamente, do impacto na economía da guerra en Ucraína. A tamén vicepresidenta primeira confirmou que se manterá en vigor a rebaixa de impostos a alimentos básicos, así como o apoio ao transporte público, mais deixou no ar o resto de propostas.
A ministra de Economía, Nadia Calviño, en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A ministra de Economía, Nadia Calviño, en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Consello de Ministros resolverá esta semana se renova, e en que condicións, as axudas 'anticrise' que caducarán o vindeiro 30 de xuño, como a rebaixa no IVE de alimentos básicos ou a redución do prezo de abonos de transporte público e títulos multiviaxe. Esas medidas recolléronse nunha decreto lei aprobado o pasado decembro co obxectivo de conter as consecuencias económicas da guerra en Ucraína, sobre todo por mor dos efectos da inflación.

Mais tiñan, con todo, data de caducidade: este 30 de xuño, e só poderán prorrogarse con outro decreto lei aprobado en Consello de Ministros que verá a luz esta terza feira. A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, xa adiantou a súa intención de manter a rebaixa do IVE nos alimentos de primeira necesidade até que os niveis de prezos sexan "máis adecuados". Esta segunda feira, en declaracións a RNE, ratificou esta decisión, así como a de manter os abonos no transporte, se os prezos fican "por riba do razoábel".

"Estamos pendentes dos datos dos prezos en xuño, que non coñeceremos até final de mes, e esta quinta feira teremos o primeiro avance. Pero si se ve que o prezo dos alimentos segue estando elevado. Por iso cremos que se ten que manter, pero sempre vinculado a como vaian evolucionando os prezos nos próximos meses", apuntou.

Preguntada por se baralla estender a rebaixa do IVE á carne e o peixe, a vicepresidenta primeira alegou que xustamente no último mes baixou o prezo do peixe. "O que vemos é que están a evolucionar os prezos dunha maneira que fai conveniente estender as [rebaixas do IVE] que xa temos en marcha. O que fixemos neste primeiro semestre do ano é facer unha baixada do IVE que está subordinada ou condicionada a como vaian evolucionando os prezos dos alimentos e esa é a liña que temos que seguir en xeral, medidas que se vaian adaptando o máis automaticamente posíbel a como vaia respondendo a economía", defendeu.

A falta do pleno do Congreso como consecuencia da disolución das Cortes polo adianto electoral, é a Deputación permanente, único órgano que permanece en pé, quen asumirá a facultar de validar ou derrogar as medidas que adopte o Goberno estatal vía decreto lei, como sería o caso da prórroga destas medidas 'anticrise'.

Calviño afirmou ademais que, malia que o Executivo de Pedro Sánchez foi selectivo nas axudas 'anticrise', estas medidas terán que ser "cada vez máis cirúrxicas", e non quixo avanzar se se prorrogará no decreto desta terza feira a axuda ao gasóleo profesional. A ministra de Asuntos Económicos confiou en que a inflación siga en descenso nos próximos meses, de forma que as medidas adoptadas polo Executivo deixen de ser necesarias "aos poucos".

En clave enerxética, hai que resolver se se prorroga ou non a rebaixa do IVE do recibo da luz de 10% a 5% aplicado aos consumidores, empresas ou particulares, cunha potencia contratada de até 10 quilowatts. Aquí tamén se inclúe a rebaixa do tipo do IVE aplicado no recibo do gas natural de 21% a 5%. Tamén conclúe o 30 de xuño a prórroga da suspensión temporal do Imposto sobre o valor da produción da enerxía eléctrica, mentres que a aplicación do tipo impositivo de 0,5% do Imposto Especial sobre a Electricidade estenderase até o 31 de decembro deste ano.

Aliás, o Goberno deberá decidir se acaba coa redución de 80% das peaxes na industria electrointensiva; o IVE a 4% para as máscaras —que deixan de ser obrigatorias en centros sanitarios, sociosanitarios e as farmacias—  e a 0% para os bens e prestacións para combater a Covid-19, e a limitación ao prezo máximo na bombona de butano. Outra cuestión é se se renova ou non a causa obxectiva de despedimento nas empresas que se beneficiaron dalgunha axuda o aumento de custos enerxéticos.

Se non hai cambios, en xullo concluirá a prórroga extraordinaria dos contratos de arrendamento de vivenda habitual, volverán permitirse os procedementos e lanzamentos e suspenderanse os procedementos negociados sen publicidade. Por este último procedemento permitíase aos compradores públicos adquirir subministracións e servizos no prazo máis breve posíbel.

Queda igualmente pendente de revisión a exención ao armador do buque ou embarcación pesqueira e o seu substituto, sempre que a pesca fresca accedese ao porto por vía marítima. O mesmo ocorre coa prórroga dos ERTEs en empresas e persoas traballadoras das Illas Canarias afectadas polo volcán da Palma.

Comentarios