O IPC da zona OCDE sobe por primeira vez desde outubro

Aumentan as expectativas da eurozona respecto da inflación
Peixaría nun mercado da cidade de Lugo, o pasado 11 de agosto. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Peixaría nun mercado da cidade de Lugo, o pasado 11 de agosto. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O índice de prezos de consumo (IPC) dos integrantes da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) situouse en xullo en 5,9%, dúas décimas por riba da subida interanual dos prezos no mes anterior e o primeiro encarecemento do custo da vida desde outubro de 2022, segundo os datos publicados polo 'think tank' das economías avanzadas.

No caso do Estado español, a alza xeral de prezos foi en xullo de 2,3%, mentres que o índice subxacente foi de 4,8%, cinco décimas máis que no sexto mes do ano.

Non obstante, o avance motívase polo incremento "súbito" da inflación en Turquía. De feito, excluíndo o Estado euroasiático, o dato do sétimo mes do ano sería "fundamentalmente estábel". En canto á variábel subxacente, que exclúe do seu cálculo os alimentos e a enerxía pola súa maior volatilidade, escalou a 6,7%, unha décima máis. 

A inflación dos alimentos continuou coa súa moderación ate 9,2%, por baixo de 10,1% de xuño, o seu menor nivel desde febreiro de 2022. Do seu lado, os prezos enerxéticos na OCDE continuaron en xullo en terreo negativo con -7,5% fronte a diminución anterior de -9,6%. 

Repuntan as expectativas

As expectativas das cidadás e dos cidadáns da eurozona sobre a evolución futura da taxa de inflación repuntaron en xullo e mantivéronse por riba do obxectivo de 2%, segundo constata o Banco Central Europeo (BCE) na súa última enquisa entre os consumidores da eurozona.

Desta maneira, a cidadanía agarda que a inflación caia a 3,4% dentro dun ano, sen cambios. Mentres tanto, para dentro de tres anos, agardan que sexa de 2,3%, unha décima máis que o mes anterior. 

En canto ao crecemento económico, as persoas enquisadas agardan que o PIB se contraia 0,7% no próximo ano, unha décima máis que en xuño. 

Comentarios