O IPC repunta 2,6% en agosto respecto a un ano antes pola suba dos combustíbeis

A inflación aumentou 0,5% a nivel estatal na comparanza co mes de xullo.
Unha persoa repostando nunha gasolineira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Unha persoa nunha gasolineira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Á espera de coñecer os datos da evolución do Índice de Prezos de Consumo (IPC) da Galiza no mes de agosto, que se coñecerán o vindeiro 12 de setembro, o Instituto Nacional de Estatística deu a coñecer esta cuarta feira o dato adiantado do encarecemento dos prezos no conxunto do Estado español, que foi de 0,5% respecto ao mes de xullo, debido principalmente ao aumento do custo dos combustíbeis líquidos.

Así mesmo, os prezos experimentaron unha repunta de 2,6% a nivel estatal con respecto ao mesmo mes do ano 2022, unha taxa interanual tres décimas porcentuais superior á rexistrada no mes de xullo, de 2,3%.

O INE incorpora no avance de datos unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en agosto baixou unha décima porcentual na súa taxa interanual, até 6,1%.

Ademais da súa importancia a nivel estatístico, do nivel alcanzado pola inflación subxacente depende a continuidade ou non das rebaixas do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) impostas polo Executivo estatal sobre determinados alimentos básicos, pois manteranse vixentes sempre que a inflación subxacente se manteña por riba de 5,5%.

O custo da luz fica no nivel máis alto desde febreiro

O prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista subirá esta quinta feira 2% con respecto a esta cuarta feira, até 110,57 euros por megawatt hora (MWh), e fará fechar agosto como o mes máis caro desde o pasado febreiro.

O custo medio da electricidade no mes de agosto sitúase así en 96,04 euros por MWh, 6,1% superior aos 90,47 euros por MWh do pasado xullo, e a cifra máis alta desde o prezo medio de 132,03 euros por MWh rexistrado no mes de febreiro de 2023.

Porén, a factura da luz manterase lonxe do récord rexistrado hai un ano, en agosto de 2022, cando o mes fechou nunha media de 307,75 euros por MWh.

Esta quinta feira, o prezo máximo, de 136,66 euros por MWh, rexistrarase entre as 20 e as 21 horas, mentres que o prezo mínimo darase entre as 15 e as 16 horas, con 88 euros por MWh, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

O Euribor estabilizase por riba do limiar de 4%

O Euribor a 12 meses, o índice de referencia para a maioría dos préstamos hipotecarios a tipo variábel na Galiza, experimentará unha pequena caída en agosto, xa que se situará ao redor de 4,07%, a súa primeira baixada dos últimos 20 meses, aínda que continuará por riba do limiar de 4% superado en xuño.

O índice situarase por baixo da taxa rexistrada en xullo, de 4,149%, que supuxo o nivel máis alto desde 2008. Con todo, manterase elevado en comparación con agosto de 2022, cando o Euribor se situaba en 1,249%.

Esta suba interanual do índice hipotecario suporá que unha persoa que teña contratada unha hipoteca variábel de 150.000 euros a 30 anos cun diferencial de 0,99% máis Euribor que deba revisar o seu tipo de xuro no mes de agosto rexistrará un aumento da súa cota hipotecaria duns 238 euros ao mes. Así, a súa cota hipotecaria pasaría duns 572 euros a uns 810 euros por mes.

O aceite de oliva virxe extra encarece 15,4% en mes e medio

O prezo do aceite de oliva virxe extra disparouse no último mes e medio cunha suba de 15,4%, que elevou o custo medio do litro até 9,42 euros, segundo unha sondaxe de prezos realizada pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU). O colectivo sinala que os incrementos no prezo do aceite de oliva en todas as variedades teñen a súa orixe "na importante redución da colleita sufrida esta campaña", onde a produción caeu arredor de 50%. 

Porén, a OCU denunciou "a forte especulación que existe arredor do prezo do aceite", xa que o produto dos supermercados comprouse a prezos "moito menores" no mercado almacenista. Ademais, a organización advertiu de que a suba vai ter como consecuencia unha redución de consumo de aceite de oliva, que se verá substituído por outros aceites.

Comentarios