[INTERACTIVO] Os concellos con máis renda per cápita son Oleiros, As Pontes e Santiago

Avión, Fisterra e Boborás tiveron os menores ingresos por habitante.
Clasificación dos concellos galegos segundo a súa renda por habitante durante o ano 2020, último exercicio con datos. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Clasificación dos concellos galegos segundo a súa renda por habitante durante o ano 2020, último exercicio con datos. (Infografía: Nós Diario)

Un ano máis, Oleiros continúa a ser o concello galego que rexistra o maior nivel de riqueza per cápita, con 16.403,37 euros por habitante, e ségueno As Pontes, con 15.482,06, e Santiago de Compostela, con 14.648,64, sendo estes os únicos tres municipios galegos que superaban o limiar de 14.646,1 euros per cápita de media no ano 2020, último exercicio con datos.

Así o marca o Atlas de Distribución de Renda dos Fogares que publicou onte o Instituto Nacional de Estatística (INE), que recolle os niveis de renda per cápita e renda do fogar de todos os concellos do Estado.

Despois deses tres, a listaxe do municipios cunha maior riqueza media complétase coa Coruña (14.590,68 euros por persoa), co concello mariñán de Cervo (14.286,51 euros) e co de Bergondo (13.751,65 euros).

Do outro extremo da lista están os concellos de Avión (7.565,33 euros por habitante), Fisterra (9.224,49 euros) e Boborás (9.299,69 euros). Neste sentido, 70,6% dos municipios do país sitúanse por baixo da media estatal en canto a renda per cápita, de 23.693 euros, mentres que 29,4% está por riba, é dicir, atópanse entre os de renda media-alta ou renda alta.

Renda media por fogar

En canto aos niveis de renda media por fogar, Oleiros tamén foi o que rexistrou o maior nivel, con 43.578,19 euros por cada familia. Neste caso os concellos que lle seguen son Nigrán (37.408,65 euros) e As Pontes (37.043,38 euros).

Avión (16.190,01 euros), Beariz (18.023,66 euros), e A Lama (19.107,41 euros)  foron os concellos con menor nivel de renda por fogar en 2020, segundo os datos publicados polo INE.

Clasificación das cidades

Se se comparan os datos das sete cidades galegas, despois de Santiago e A Coruña, a terceira urbe con maior renda é Vigo con 13.163,68 euros anuais por persoa. A cuarta é Ferrol, con 13.115,96 euros, e a quinta, Pontevedra, con 13.047,27 euros. As dúas cidades galegas coa renda neta máis baixa per cápita en 2020 foron Ourense (13.036,53 euros) e Lugo (12.992,30 euros).

Por fogares, Santiago de Compostela tamén lidera a clasificación, cunha media de 36.213,12 euros por cada familia durante o ano 2020. En segunda posición atópase A Coruña, con 34.375,96 euros. A estas dúas séguena Vigo, con 33.926,82 euros, e Pontevedra, con 31.981,76 euros. Máis perto do limiar dos 30.000 euros por fogar, mais aínda por riba do mesmo, atópanse Lugo, con 30.461,95 euros, e Ourense, con 30.118 euros. Fecha a clasificación a cidade de Ferrol, cunha renda media por fogar durante o ano 2020 de 28.753,27 euros.

Índice de Gini

A boa nova que trae este estudo para a Galiza é a do cáculo da desigualdade en 2020, medida a través do índice de Gini, xa que o noroeste da península e sobre todo o territorio galego, cunha estrutura da propiedade historicamente moito máis repartida, marca os mellores datos.

Desta forma, na Galiza, o mapa tínguese de verde escuro na medición da desigualdade do INE, resaltando deste modo unha gran cantidade de municipios que obteñen a mellor valoración no cálculo do índice de Gini.

O sueste galego, unha illa de avellentamento

Unha das notas máis negativas para a Galiza do Atlas de Distribución da Renda dos Fogares é o avellentamento da poboación. Tanto é así que o sueste do país, xunto coa súa zona limítrofe en Castela e León supuñan en 2020 as dúas principais illas vermellas de avellentamento do conxunto do Estado español, cunha porcentaxe de poboación maior de 65 anos que na gran maioría dos municipios destas áreas superaba en 2020 a cifra de 41,6%.

No resto do territorio galego, tan só hai sete municipios que en 2020 experimentaran unha porcentaxe de poboación maior de 65 anos por debaixo de 17,7%. Estes son Arteixo, Culleredo, Oroso, Ames, O Porriño, Salceda de Caselas e Barbadás. No seguinte chanzo, cunha porcentaxe de poboación maior de 65 anos por baixo de 21,4%, en 2020 había 17 concellos galegos.

Comentarios