Mar

Un informe ratifica o liderado da Galiza na pesca comunitaria no estranxeiro: 80% dos investimentos do sector recaen no país

O Consorcio da Zona Franca de Vigo, Acemix (Asociación de Empresas Comunitarias en Sociedades Mixtas de Pesca) e Anepat (Asociación Nacional de Empresas Pesqueiras en Países Terceiros), presentaron esta sexta feira o informe Estimación do impacto económico e social das sociedades mixtas pesqueiras no Estado español, realizado baixo a coordinación técnica da Universidade de Vigo.
O Lodairo, con base no porto de Vigo, é o maior buque de arrastre do Estado español (Foto: Europa Press).
photo_camera O Lodairo, con base no porto de Vigo, é o maior buque de arrastre do Estado español (Foto: Europa Press).

As sociedades mixtas pesqueiras da Unión Europea (UE) son unha figura xurídica constituída por unha ou varias armadoras da UE e un ou varios socios dun terceiro Estado, destinada a explotar os recursos pesqueiros situados nas augas pertencentes á soberanía ou á xurisdición dese Estado.

Estas sociedades contan con 500 buques en activo, centos deles galegos. De feito, o estudo explica a "intensa" actividade que tiveron nos últimos anos no país, onde entre 2017 e 2021 o investimento en barcos construídos supuxo un total de 232,5 millóns de euros. "A iso engádense os investimentos acumulados realizados en terra, que ascenderon a 236,8 millóns de euros na Galiza". Sumando os fondos investidos en terra e mar polas sociedades mixtas, na Galiza recaen até 80,6% dos chegados á UE.

No territorio comunitario xeran cada ano un impacto directo de 1.468 millóns de euros, di o informe. Ademais, explica, son responsábeis de case 14.000 empregos, achegan 83 millóns en impostos e outros 406 en retribucións, ademais de alcanzar os 761 millóns en valor engadido bruto. O impacto indirecto multiplícase: 4.694 millóns de euros, 2.402 millóns de valor engadido bruto e máis de 29.000 empregos.

A radiografía ás sociedades mixtas pesqueiras revela o papel que representa esta fórmula empresarial nos territorios onde están asentadas en termos de desenvolvemento e cooperación e o seu papel en terceiros Estados para o cumprimento dos estándares sostíbeis e sociais da pesca da UE. 

Ademais, o informe reflicte que o tratamento fiscal para acceder ao mercado da UE que reciben é equiparábel a calquera outra frota estranxeira. Neste sentido, estas sociedades lembran a reclamación histórica de volver estar amparadas dentro da Política Pesqueira Comunitaria (PPC), da que foron apartadas no ano 2004.

Alén de fortalezas e reivindicacións, o informe tamén reflicte as debilidades ás que se enfrontan estas entidades en termos de seguridade xurídica, como no exemplo da preocupación xerada no sector pola reforma pesqueira exposta na Arxentina polo novo Goberno do ultraliberal Javier Milei. 

Incerteza provocada nas dúas beiras do Atlántico

Coa chegada de Milei á Casa Rosada, o Executivo da Arxentina anunciou subas de taxas para a frota galega presente neste Estado e propuxo modificacións á Lei Federal de Pesca coa denominada 'lei Omnibús' que abrirían, mediante poxas, os seus caladoiros actuais. 

A liberalización proposta non só ameaza á frota galega e as 50.000 toneladas de peixe que obtén neste territorio e que entran todos os anos por Vigo para logo ser distribuídas por toda a UE, senón que ademais pon en risco miles de empregos, maioritariamente arxentinos mais tamén galegos, razón pola que as medidas de Milei atoparon unha forte oposición aos dous lados do Atlántico. 

Comentarios