A UE importa miles de toneladas desde Estados que non combaten a pesca ilegal

O Tribunal de Contas da Unión Europea (UE) presentou esta cuarta feira en Compostela un informe sobre a acción comunitaria contra a pesca ilegal. A pesar de que até 13 Estados se atopan no albo de Bruxelas polas súas deficiencias na loita contra esta práctica, as importacións da UE desde estes Estados seguen a ser de miles de toneladas, o que supón unha competencia desleal contra a frota galega.
Vietnam é un dos Estados que teñen cartón amarelo da UE por deficiencias importantes na loita contra a pesca ilegal (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vietnam é un dos Estados que teñen cartón amarelo da UE por deficiencias importantes na loita contra a pesca ilegal (Foto: Nós Diario).

O Tribunal de Contas da UE pediu esta cuarta feira en Compostela reforzar os sistemas de control para previr a importación de produtos da pesca ilegal e velar por que os Estados membros apliquen sancións contra esta actividade. 

Así o puxo de manifesto Katharina Bryan, xefa do gabinete de Eva Lindström -membro do Tribunal de Contas da UE-, na presentación do informe especial desta institución, titulado Acción da Unión Europea contra a pesca ilegal.

A representante do Tribunal subliñou que "se estabeleceron sistemas de control, aínda que a súa eficacia queda minguada polos desiguais controis e sancións aplicadas polos Estados membros".

A presidenta do Tribunal de Contas do Estado español, Enriqueta Chicano, resaltou que "a pesca ilegal socava todos os esforzos para regular as actividades pesqueiras e constitúe unha grave ameaza", avisou, antes de cualificala como algo "inxusto para os pescadores honrados".

Sistema de sancións

No seu informe de 2020 Off the Hook, a Environmental Justice Foundation expón a falta de transparencia no sector pesqueiro mundial como elemento chave que facilita a pesca ilegal. 

O termo 'pavillón de conveniencia' refírese á concesión da bandeira dun Estado a buques estranxeiros a cambio dun beneficio económico. Os pavillóns de conveniencia non garanten que exista un vínculo xenuíno entre a propiedade e o control do buque por parte do Estado do que se enarbora a bandeira, o que permite aos operadores ocultar a identidade e evitar sancións cando practican a pesca ilegal.

Ademais, cando estes Estados non vixían as actividades da frota pesqueira que enarbora a súa bandeira, as insuficiencias dos seus sistemas de control poden atraer operadores dedicados á pesca ilegal. Se a Comisión europea considera que un Estado pode non cumprir as súas responsabilidades na loita contra a pesca ilegal, estabelece un diálogo informal para lograr unha avaliación máis exhaustiva e promover a cooperación. 

Se a cooperación non é frutífera e existen suficientes probas de deficiencias importantes, a Comisión notifica ao Estado que corre o risco de ser identificado como non cooperante, impoñéndolle un cartón amarelo. En caso dun avance insuficiente, a Comisión certifica a identificación como non cooperante, impoñéndolle o cartón vermello.

En total, son 13 os Estados aos que a Comisión amoestou cun cartón amarelo ou vermello. Porén, non existe un fundamento xurídico internacional que impida o cambio de bandeira dun buque pesqueiro nin que os buques de terceiros Estados operen na zona económica exclusiva dos amoestados. En consecuencia, existe unha lagoa que limita o impacto económico do sistema de sancións, xa que en ambos os casos, as capturas certificadas poden exportarse á UE.

Competencia desleal

A UE importou miles de toneladas de peixe no ano anterior á imposición dun cartón amarelo desde varios Estados. Os exemplos máis relevantes son os de Ecuador e Vietnam, cun volume de comercio de 262 e 259 miles de toneladas respectivamente. 

A pesar do cartón amarelo en 2019 (que aínda segue en vigor), até 5,2% das importación de peixe da UE en 2020 procederon de Ecuador. No caso de Vietnam, co cartón vixente desde 2018, as importacións da UE desde este Estado supuxeron no ano 2020 até 3,4% do total.

Gonzalo Rodríguez, especialista en economía pesqueira da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en conversa con Nós Diario, sinala que estas importacións supoñen unha "competencia desleal" para a frota galega. "Parece razoábel que a UE camiñe cara a un escenario de exixirlle aos importadores internacionais o mesmo que lles exixe aos produtores comunitarios", subliña o economista.

"Poderíamos rematar nunha situación na que unha pesca sostíbel como a nosa acabe cunhas dificultades de supervivencia tremendas que neste momento xa existen", afirma Rodríguez, que tamén destaca "as sancións ridículas para as frotas propias" dalgúns Estados da UE. 

Comentarios