A industria galega eleva as vendas en 15%

O crecemento é cinco puntos inferior ao que experimenta o conxunto do Estado español neste sector.
Fábrica de Clun en Caldas de Reis. (Foto: Europa Press)
photo_camera Fábrica de Clun en Caldas de Reis. (Foto: Europa Press)

A cifra de negocios da industria subiu 14,9% en xullo na Galiza a respecto do mesmo mes de 2021, algo menos que no conxunto do Estado español, e de media no que vai de ano rexistra unha alza de 16,6% no país, segundo os datos que publica esta quinta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

A nivel estatal, a cifra de negocios da industria medrou 19,9% en xullo en comparanza co mesmo mes de 2021, debido, principalmente, ao impulso das vendas procedentes do sector enerxético.

Co avance interanual de xullo, 11,7 puntos inferior ao rexistrado en xuño, a facturación da industria suma 17 meses consecutivos de ascensos após encadear anteriormente un ano de taxas interanuais negativas pola crise da Covid-19.

Por sectores, a enerxía disparou as súas vendas en 110,1% interanual, mentres que os bens intermedios facturaron un 13,3% máis. A estes avances séguenos os dos bens de consumo non duradeiros (+11,5%), os bens de equipo (+11,3%) e os bens de consumo duradeiros (+9%).

Corrixido o efecto calendario e a estacionalidade, a cifra de negocios da industria subiu 24,8% interanual no sétimo mes do ano, unha taxa 8,2 puntos inferior á do mes anterior.

En termos mensuais —xullo sobre xuño— e en datos corrixidos de estacionalidade e calendario, a industria reduciu as súas vendas en 4,2%, taxa 6,4 puntos menor que a de xuño, o que supón unha nova caída após sumar tres meses de crecemento mensual consecutivo.

Todos os sectores recortaron as súas vendas en xullo a respecto de xuño, especialmente os bens de consumo non duradeiro (-7%), seguidos dos bens de consumo duradeiros (-2,1%), os bens intermedios (-1,8%), a enerxía (-0,4%) e os bens de equipo (-0,1%).

Comentarios