O alto custo da enerxía dispara os prezos industriais até 43%

Os bens intermedios experimentaron unha alza de 24,3% na Galiza no último ano, e os de consumo, de 12,2%.
As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)
photo_camera Grúas nos estaleiros vigueses. (Foto: Antonio Alcobendas)

Os prezos industriais disparáronse 43,3% en xullo na Galiza en relación co mesmo mes de 2021, e quedaron estancados en comparación con xuño, segundo os datos que publica nesta quinta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En concreto, os prezos da enerxía duplicáronse na taxa interanual no país, cun incremento de até 105,5%. Os bens intermedios experimentaron unha alza de 24,3% e os de consumo, de 12,2%.

Sexa como for, en variación mensual, os prezos da enerxía en territorio galego rexistraron un descenso de 1,3% e só os bens de consumo anotaron un ascenso superior (+1,2%).

No conxunto do Estado español, os prezos industriais subiron até 40,4% en xullo en comparanza co mesmo mes de 2021 e non varían en relación ao mes anterior.

Porén, a pesar do forte crecemento interanual dos prezos industriais, a taxa moderouse máis de dous puntos e medio a respecto da rexistrada en xuño. Coa repunta interanual de xullo, os prezos industriais encadean 19 meses consecutivos de taxas positivas. Con todo, por cuarto mes consecutivo, a taxa interanual moderouse a respecto da do mes anterior.

Entre os sectores que impulsaron a repunta dos prezos industriais en xullo destaca a enerxía, que recortou a súa variación anual dez puntos, até 100,6%, por mor do abaratamento da produción de enerxía eléctrica e o refino do petróleo; e os bens intermedios, cuxa taxa anual diminuíu case 2,5 puntos, até 22,1%, fundamentalmente pola fabricación de produtos básicos de ferro e o menor custo da produción de metais preciosos.

Pola contra, os prezos dos bens de consumo non duradeiro elevaron en xullo a súa taxa interanual máis dun punto, até 11,6%, polo encarecemento do procesado e conservación de carne e a elaboración de produtos cárnicos.

Por actividades, as maiores repuntas de prezos en comparación con xullo de 2021 déronse na subministración de electricidade e gas (+100,3%); as coquerías e o refino de petróleo (+99,6%); a industria química (+31,6%), e a industria do papel (+25,6%).

Segundo o INE, sen contar a enerxía, os prezos industriais mostraron o pasado mes de xullo unha suba interanual de 14,8%, unha taxa cinco décimas inferior á de xuño e máis de 25 puntos por baixo da taxa xeral.

Comentarios