Incidencias e desaxustes na factura da luz enchen as oficinas das eléctricas

Os altos prezos da luz protagonizan a maioría das reclamacións que chegan ás oficinas das compañías eléctricas, nas que xa non cabe a xente.
Oficina de Naturgy na rúa Alfredo Brañas de Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Oficina de Naturgy na rúa Alfredo Brañas de Compostela (Foto: Nós Diario).

Pili Lueiro, que vive coa súa parella nun piso en Compostela no que os radiadores non están acesos máis de tres horas ao día, vén de recibir unha factura da luz de 600 euros polo seu consumo entre o 19 de decembro e o 8 de febreiro. Nun primeiro momento pensou que era un erro de facturación da súa comercializadora de electricidade, así que, após probar sen éxito no teléfono de atención á clientela de Naturgy ─a empresa coa que ten contratado o servizo─, decidiu pasar onte pola oficina que a eléctrica ten na rúa Alfredo Brañas da capital galega.

Para a súa sorpresa, non era a única que tivera o mesmo problema. Medio cento de persoas, unhas dentro e outras na beirarrúa, ás portas do estabelecemento, agardaban a ser atendidas, "a maioría polo mesmo motivo", indica a afectada.

Porén, o que parecía ser un erro resultou non ser tal. Os altos prezos da enerxía nos últimos meses levaron facturas moito máis avultadas do normal aos fogares galegos. Con consumos similares aos de outros períodos, os recibos duplicáronse e mesmo triplicáronse. 

Lueiro, que tamén intentou sen éxito contratar na oficina outra modalidade de tarifa que ofertan en Internet, ─"nin che informan dela", denuncia─ está tamén noutro grupo de afectadas: o das persoas que pasan varios meses sen recibir a factura e despois reciben todas de golpe. 

Incidencia informática

Detrás deste problema está o cambio de metodoloxía de facturación do pasado 1 de xuño, que obrigou as distribuidoras a programar de novo os contadores. Empresas como Naturgy ou Endesa recoñeceron problemas cos seus sistemas informáticos, que provocaron que se deixasen de rexistrar os consumos reais e de emitirse recibos. Máis de medio ano despois eses problemas aínda persisten.

Como indican a Nós Diario fontes de Naturgy, o problema, que non afectou a unha porcentaxe elevada de persoas usuarias, estase a solucionar, pero isto non evita que despois cheguen todas as facturas de golpe e que o monto a pagar sexa difícil de asumir polas familias. 

Ante esta situación, a eléctrica recorda que estas persoas teñen a posibilidade de fraccionar os pagamentos en tantos prazos como meses de atraso acumulen as devanditas facturas. Tamén advirte de que nalgúns casos hai recibos que chegan con lecturas estimadas que terán que ser regularizadas cos consumos reais. 

Canles alternativas

Sobre a situación nas oficinas físicas, desde a eléctrica explican que a afluencia masiva ─reciben perto de 200 persoas ao día─ é por un cúmulo de circunstancias. Por un lado, os estabelecementos seguen co límite de capacidade. Despois, apuntan, "hai moitos clientes pedindo información e revisar facturas polo prezo da luz". "As oficinas non son moi grandes e os postos son os que hai", lamentan. 

Con todo, desde Naturgy inciden en que existen outras canles de comunicación, como os servizos de atención á clientela telefónico, das aplicacións ou da web; o correo electrónico ou as redes sociais. "Incluso hai xente que pide a revisión das súas facturas por Twitter e se lles está a atender", escúdanse.

Caída do sistema

No caso de Naturgy, a herdeira da galega Fenosa, a todos estes problemas, comúns na maioría das comercializadoras, sumouse o feito de que, durante varias semanas, as teleoperadoras que atenden desde A Coruña aos 1,3 millóns de clientes da eléctrica na Galiza non puideron atender as consultas por unha caída do sistema que afectou tamén á web e ás aplicacións móbiles.

Os problemas comezaron o pasado 28 de xaneiro mais, segundo indican desde Naturgy, xa están resoltos.

Con todo, as dificultades das persoas usuarias para acceder ás súas facturas ou para consultar os seus consumos, tamén dispararon as visitas aos estabelecementos que a eléctrica ten a pé de rúa nas vilas e cidades do país. "O problema xa está resolto, pero fai que se sume ás outras incidencias e aumenten as visitas", destacan.

Comentarios