A proposta de reforma fiscal do BNG: sistema "máis progresivo" e medidas "urxentes" contra a suba de prezos

O Bloque pide revisar os impostos sobre Patrimonio e o de Sucesións "para aliviar as situacións máis vulnerábeis e aumentar a recadación gravando as rendas máis altas".
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nun pleno decorrido a comezos de abril. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Europa Press)

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha batería de iniciativas para o impulso de medidas xustas e urxentes "para combater as consecuencias da escalada de prezos na economía da Galiza".

Entre elas atópase unha reforma fiscal para dotar de "verdadeira progresividade o sistema tributario, empezando polo IRPF para aliviar a carga impositiva das persoas máis vulnerables".

Mentres se prolongue a situación de inflación, o BNG propón que se aplique a deflación da tarifa do IRPF, tanto a galega como a estatal, para que a tributación sexa sobre rendementos reais, así como modificar a normativa que regula as dietas de locomoción aumentando as contías límite de gasto, "canto menos ata 0,30 euros".

"O empobrecemento da sociedade debido á suba exponencial da inflación é un problema político e social de primeira orde", destacan os nacionalistas nun comunicado, motivo polo que consideran "urxente" actuar e pór en marcha medidas que beneficien as maiorías sociais.

Accións concretas

Nesta liña, no BNG sinalan que xa propuxeron accións concretas para que tanto o Goberno estatal como o galego "freen" as consecuencias da crise para os sectores máis vulnerábeis.

Rego tamén subliñou a necesidade de estabelecer distintos tipos de gravame en función da natureza dos rendementos e "sinalar as compensacións a través de deducións que sexan inversamente proporcionais aos tipos de gravame que soporten os suxeitos pasivos".

O Bloque pide revisar os impostos sobre Patrimonio e o de Sucesións "para aliviar as situacións máis vulnerábeis e aumentar a recadación gravando as rendas máis altas, de forma que a Galiza e o conxunto do Estado español non perdan recursos para revertelos en políticas de protección social e de dinamización económica".

Por último, os nacionalistas apuntaron que a escalada xeralizada de prezos ocorre no marco dunha crise de materiais que afecta "profundamente á industria da construción ou automobilística", entre outros factores.

Para paliar isto, o BNG solicitou un modificación na normativa que regula as dietas de locomoción aos traballadores para dar cobertura ao aumento das contías límite dos gastos de dietas e locomoción retribuídos.

Comentarios