A etapa Feixoo, en imaxes (I): A proposta enerxética

O 18 de abril de 2009 Alberto Núñez Feixoo tomaba posesión como presidente da Xunta da Galiza. O acto, realizado na Praza do Obradoiro, congregou centos de persoas convidadas de diversa procedencia social e xeográfica. Porén, ningún abrazo foi tan forte como o recibido polo presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán.

Alberto Núñez Feixoo abrazándose ao presidente de Iberdrola, Sánchez Galán, no acto de toma de posesión como mandatario galego en 2009. (Foto: Nós Diario) #feixoo #iberdrola #eólica #enerxía #parqueeólico #xunta #consellodeadministración
photo_camera Alberto Núñez Feixoo abrazándose ao presidente de Iberdrola, Sánchez Galán, no acto de toma de posesión como mandatario galego en 2009. (Foto:Nós Diario).

A relación de Ignacio Sánchez Galán e Alberto Núñez Feixoo vén de lonxe. Malia que o pai do presidente galego traballou durante moitos anos en Iberdrola até o seu despedimento, suceso que condicionou o futuro de Feixoo, a amizade deste co primeiro executivo desta compañía eléctrica data dos anos do Goberno bipartito na Xunta (2005-20009).

A decisión do Goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas de mudar o modelo eólico na Galiza recibiu a contestación máis contundente das compañías do sector e de boa parte dos poderes económicos do país. A proposta defendía que unha porcentaxe dos complexos eólicos fosen de titularidade pública, estivesen asociados a proxectos industriais estratéxicos para o país, por exemplo ao grupo lácteo galego; e a súa localización cumprise con criterios de sustentabilidade ambiental e patrimonial.

Iberdrola foi o mascarón de proa da dura campaña contra este novo modelo eólico entre 2008 e 2009. Unha campaña que, partillada pola práctica totalidade das compañías eléctricas con sede social fóra da Galiza e avalada pola patronal eólica galega, foi decisiva para os resultados dos comicios galegos de 2009. Neste sentido, significáronse pola súa contía económica os convenios de publicidade asinados pola eléctrica con algúns grupos de comunicación galegos.

O PP foi o executor político da táctica definida polas grandes compañías de xeración eléctrica con intereses na Galiza. Un dos dirixentes do partido máis significados na oposición ao bipartito por este tema foi o entón deputado popular Angel Bernardo Tahoces. Precisamente, o papel desenvolto durante este proceso resultou decisivo para o seu nomeamento como director xeral de Enerxía e Minas durante diferentes Gobernos de Feixoo.

Feixoo e Sánchez Galán

O abrazo de Sánchez Galán e Núñez Feixoo o 18 de abril de 2009 representa o seu programa de Goberno. O novo mandatario galego, que fixo da derrogación do concurso eólico do bipartito un cabalo de batalla na súa campaña electoral, non tardou en cumprir a promesa, malia significar un duro golpe para as cooperativas agrarias, o sector conserveiro e a propia Xunta da Galiza, propietaria de 14% de 2.300 megawatts adxudicados polo bipartito.

Feixoo formalizou a anulación do concurso eólico do Goberno bipartito en agosto de 2009. A decisión non se executou até uns meses despois de presentar Iberdrola un recurso contra o mesmo no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Tanto é así, que a argumentación xurídica empregada polo Executivo galego na súa resolución foi coincidente coa empregada pola eléctrica na súa reclamación legal. Porén, á volta de agosto de 2012 o TSXG considerou nulo de pleno dereito o acordo da Xunta de Feixoo e referendou a decisión do Goberno bipartito.

A conivencia do Goberno do PP coas eléctricas é un tema recorrente no debate político galego. Sen ir máis lonxe, desde o movemento ecoloxista criticaron a emenda anunciada o 18 de xaneiro de 2022 por Núñez Feixoo ao proxecto de Lei de áreas empresariais co obxectivo de dar “prioridade na tramitación” a aqueles “parques eólicos” que “destinen 50% da enerxía que produzan á industria”. Neste sentido, considerárona unha medida destinada a posibilitar instalacións eólicas en zonas non permitidas por facer parte da Rede Natura.

A lei de 'depredación'

A proposta dá continuidade a outras modificacións lexislativas aprobadas en 13 anos de Gobernos de Feixoo. A este respecto, a oposición cualifica de paradigmáticas as popularmente denominadas como “leis de depredación”, a primeira delas tramitada en 2017 e a segunda en 2021. En relación con esta última, a deputada do BNG, Noa Presas, afirma que baixo o “disfraz” de simplificación administrativa agóchase unha “perda de garantías na tramitación de parques eólicos”.

As conexións entre o PP e as compañías enerxéticas están en cuestión. Nesta dirección, o abrazo do presidente galego e Sánchez Galán é un síntoma dunha relación marcada polas portas xiratorias entre estas empresas eléctricas e significados dirixentes populares. Por exemplo, Angel Acebes, ministro de Interior de Aznar e secretario xeral do PP con Mariano Raxoi, fai parte do consello de administración de Iberdrola, a compañía con máis potencia hidráulica e eólica instalada na Galiza, con sede social en Bilbo, pero que paga os impostos en Madrid.

Casos semellantes ao de Acebes son doados de seguir no sector enerxético. Así, Ordas Badía, último director xeral de Industria e Enerxía con Manuel Fraga, rematou como máximo responsábel de Endesa en Portugal.

Greenalia e Beatriz Mato

Un dos casos máis paradigmáticos de portas xiratorias é do Greenalia. No seu consello de administración senta Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente no Goberno galego de Feixoo. Mato aspirou, tamén, a presidir a patronal eólica da Galiza, de cuxa directiva fai parte desde hai meses.

Comentarios