A hostalaría nocturna galega séntese discriminada pola Xunta nesta pandemia

O sector da hostalaría que traballa co ocio nocturno, fechado desde mediados de agosto, demanda un trato xusto por parte da Xunta da Galiza. Rexeitan seren os culpábeis da actual situación de aumento dos gromos e alertan das consecuencias nos seus locais, dos que dependen 100.000 postos de traballo.  
No centro Lucía Vázquez, da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, xunto a Lois López de Hostalaría Compostela.(Nós Diario)
photo_camera No centro Lucía Vázquez, da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, xunto a Lois López de Hostalaría Compostela.(Nós Diario)

O fechamento dos locais de ocio nocturno imposto pola Xunta pode levar á desaparición de moitos destes estabelecementos, algúns deles cunha gran traxectoria. Após os meses de confinamento comezaron a traballar con medidas estritas e a mediados de agosto tiveron que fechar.

"A situación é terríbel", asegura a Nós Diario Lucía Vázquez, presidenta da Asociación Galega de Salas de Concertos e da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago. Explica que nalgúns municipios conseguiuse negociar cos concellos para abrir como uso de cafetarías, "mais non é unha solución definitiva xa que moitos locais, polas súas características, non están deseñados para traballar de día". Para Vázquez "é unha inxustiza que se trate así un sector que non tivo situacións de gromos relacionados e nos que non houbo contaxios nos locais". 

A finais de agosto a asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago presentaron no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) un recurso contencioso-administrativo contra a Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas cuestións previstas no acordo do Consello da Xunta de 12 de xullo de 2020 sobre medidas de prevención e obrigaba a fechar os estabelecementos de ocio nocuturno.

O fallo final do TSXG denegou ese recurso que agora podería trasladarse a un xuízo que, para Lois López, membro de Hostalaría Compostela, "podería resolverse igual nun ano, polo que sentimos unha indefensión total". López pensa que se está a empregar ao sector hostaleiro como "chivo expiatorio" da actual situación na que aumentan os contaxios cada día. "En Portugal teñen outras medidas diferentes e non está a acontecer o que pasa aquí", di a Nós Diario, "se fechan o locais de ocio regrado , o lecer seguirá en festas e xuntanzas sen control, como vemos cos gromos que teñen como inicio as festas familiares", engade. 

Desde este sector que move 100.000 empregos solicitouse unha reunión cos grupos representados no Parlamento galego e xa tiveron unha primeira xuntanza co BNG que demandou para os negocios de lecer nocturno "igualdade de trato" ao respecto do resto de estabelecementos de hostalaría. 

Fechados polo horario

Dentro dos estabelecementos afectado por esta situación están tamén as salas de actuacións. Alberto Grandío, presidente da asociación Galega de Salas de Música ao Vivo (Clubtura), explica a Nós Diario que "aínda que non somos ocio nocturno estamos incluídos nel polo horario, por este motivo estamos fechados". Asegura que tentaron negociar coa Xunta para que se diferenciase "e non houbo maneira". Tampouco recibiron explicación máis alá da notificación de fechamento. "Non sabemos nada, nin cando poderemos voltar a abrir", asegura.

Grandío é, ademais, o responsábel da asociación Estatal de Salas de Concertos polo que coñece a situación noutros lugares. "En Soria, por exemplo, un café como Ávalon, que é moi semellante ao meu, pode agora facer concertos", indica, "depende dos Gobernos, das alcaldías e non hai unanimidade", engade.

Protesta en Vigo

Este sector tamén se manifestou o pasado 9 de setembro no centro de Vigo. Responsábeis dun cento de estabelecementos protestaron con carteis da súa situación. "Os bares de copas perden mensualmente entre 5.000 e 25.000 euros" ou "Exiximos un plan de choque específico", foron algunhas das mensaxes e peticións que fixeron e que concretaron coa lectura dun manifesto por parte do portavoz da asociación Provincial de Estabelecementos Musicais e Espectáculos Regrados (APEMER), Carlos José Veleiro.

Comentarios