5 de outubro: greve no sector do lixo da Coruña

CIG, CCOO e UGT convocan unha xornada de folga de 24h para denunciaren a "estafa social" que están a practicar as empresas de recollida do lixo da comarca, a desaparición do convenio colectivo e as consecuencias da reforma laboral.

 

[Imaxe: CIG]
photo_camera [Imaxe: CIG]

O sector do lixo da comarca da Coruña volve convocar máis unha xornada de loita. Após o éxito recollido o pasado 26 de agosto, os comités de empresa e delegad@s da CIG, CCOO e UGT en Albada, Cespa-A Coruña, Cespa-As Mariñas, Sogama e a planta de Lousame convocan unha greve de 24 horas o vindeiro 5 de outubro. 

As centrais sindicais convocan 24 horas de parón para denunciar "a estafa social" que están a practicar as empresas relacionadas co sector do lixo mais tamén chaman a participar para defender o dereito d@s traballador@s do sector ao convenio colectivo. No entanto, advirten os sindicatos, este será un chanzo máis no conflito que continuará con máis folgas e mobilizacións perante a negativa da empresa a negociar. 

Contra a estafa social na reciclaxe e polos dereitos d@s traballador@s

Desde o comezo do conflito na planta da Albada, aseguran os sindicatos, a empresa continúa adiante co seu plan de recortes e rexeita iniciar un proceso de negociación c@s traballador@s. Até o punto, denuncian de presentar un Expediente de regulación (ERTE) que reflite "a mala fe e a nula vontade da empresa" impondo unha medida que emprega, din, como "chantaxe".

Neste senso, convidan á cidadanía a se sumar á mobilización que percorrerá as rúas da cidade herculina a partir das 12.00 pois "están sendo vítimas", din, "dunha estafa social" ao pagaren unha recliclaxe que non se fai.

Asemade, desde as centrais sindicais critican con dureza a actitude do Concello da Coruña ao pretender, salientar, manterse á marxe do conflito embora saiban que Albada " incumpre de xeito sistemático as condicións da concesión dende o ano 2001". 

Comentarios