Greenfiber lanza unha web da fábrica de Palas na que nega ser unha celulosa para papel

A compañía sostén que a fábrica "non suporá ningún impacto na fauna nin a flora local", ademais de que se nutrirá de eucalipto "excedentario".
Páxina web de Greenfiber.
photo_camera Páxina web de Greenfiber.

Greenfiber, do grupo portugués Altri, lanzou unha páxina web informativa sobre a fábrica de fibras téxtiles que proxecta en Palas de Rei (A Ulloa), denominada 'Proxecto Gama', na que nega que vaia a producir celulosa para fabricar papel. "Nesta planta extraerase a celulosa da madeira para producir exclusivamente fibras téxtiles e/o fibras solubles que é a materia prima para aplicacións téxtiles", sostén nun apartado de preguntas e respostas na web.

Esta páxina é unha das medidas que anunciou Greenfiber para informar os veciños e veciñas despois de acordar suspender as charlas previstas en varios municipios ao rexistrarse múltiples protestas contra a planta. Igualmente, a compañía sostén que a fábrica "non suporá ningún impacto na fauna nin a flora local", ademais de que se nutrirá de eucalipto "excedentario", polo que "non será necesario incrementar" a superficie desta especie.

Tamén argumenta que a fábrica está deseñada para chegar a producir anualmente un máximo de 400.000 toneladas de fibras solúbeis, "que é a materia prima para aplicacións téxtiles, das cales 200.000 toneladas serán destinadas directamente a produción de Lyocell e/o outras fibras téxtiles".

"O obxectivo é que no futuro poida integrarse a totalidade das fibras solúbeis en produción de Lyocell. Parte desta ampliación pode ser feita a partir de procesos de reciclaxe de tecidos téxtiles a incorporar no proceso produtivo xa existente", agrega. De tal forma, aclara que unha parte da produción que non se destine a lyocell venderase fóra da Galiza, "á industria de produción de fibras téxtiles sostíbeis de características similares" a esta.

No tocante a expropiacións, a compañía prevé negociar coas propietarias e propietarios afectados sen necesidade de recorrer a expropiar. Todo iso nun proxecto cun investimento previsto superior aos 850 millóns de euros, para o que espera un apoio do Goberno estatal de arredor de 25% e co que existen "conversas directas neste sentido".

Comentarios