Greenalia creará unha fundación para devolver á sociedade galega parte da riqueza que xere

A fundación de Greenalia, que se constituirá no primeiro semestre do ano, promoverá iniciativas nos eidos da transición enerxética e a igualdade.
Manuel García, presidente de Greenalia (cedida).
photo_camera Manuel García, presidente de Greenalia (cedida).

Greenalia, a firma galega de renovábeis, ven de anunciar a creación e posta en marcha dunha fundación para "devolver á sociedade e ao entorno parte da riqueza que xera nos territorios nos que están implantados os distintos proxectos da empresa". Así o notificou esta terza feira nun feito relevante ao regulador do Mercado Alternativo Bursátil (MAB).

Tamén esta terza feira, o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme) facía constar a incorporación de dúas novas sociedades ao seu porfolio. Trátase das rebautizadas como Greenalia Solar Power Zumajo I e Greenalia Wind Power Zumajo II, dous novos proxectos renovábeis até agora propiedade da empresa Valfortec, con sede en Castellón. Os anuncios prodúcense unhas semanas despois de que a compañía conectase á rede da súa primeira infraestrutura de xeración eléctrica. 

No que atinxe á fundación, fontes de Greenalia informaron a Nós Diario que aínda están en negociacións para designar á persoa que levará a xestión da mesma e que se encargará de "impulsar iniciativas, entre outras, de transición enerxética e igualdade". Como explica no documento remitido ao regulador, o obxectivo é "estabelecer un instrumento a través do que sexa posíbel canalizar actuacións de carácter ambiental, sostibilidade e igualdade nos concellos e comunidades onde Greenalia está presente. É dicir, avanzar en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel 2030 (ODS) e dar un paso máis na responsabilidade social corporativa do grupo".

A previsión dos impulsores é poder ter creada a Fundación no primeiro semestre de 2020, como punto final a un proxecto "no que se leva a traballar meses en varias liñas: forma xurídica, perfís humanos ou a dimensión coa que debe nacer. 

Comentarios