"Golpe mortal" ás granxas de vacún familiares

"A industria, os 'cebadoiros', UUAA e Gandeiros Galegos da Suprema asinan o fin da marca Ternera Gallega Suprema", denuncian desde o SLG.
Dúas vacas nunha leira no concello de Baleira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Dúas vacas nunha leira no concello de Baleira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A modificación do prego de condicións para a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Carne de Vacún da Galiza ameaza o futuro das granxas do ramo. Segundo denunciou esta segunda feira o Sindicato Labrego Galego (SLG), os cambios propostos para Tenreira Galega Suprema –aprobados pola industria, os cebadeiros, Unións Agrarias e os Gandeiros Galegos da Suprema– exclúen todas as granxas que alimentan o seu gando en liberdade, así como aquelas que non teñen instalacións para cebar os animais, "como moitas das ecolóxicas", un dos valores diferenciados de calidade que até o de agora aportaba a marca.

O seu texto alternativo eliminaba a obrigatoriedade de meter os animais en recintos fechados, co fin de protexer a cría en liberdade propia do modelo labrego, mais non sumou apoios. Ambos os dous textos foron votados, sendo o resultado 15 votos a favor do texto proposto pola IXP onde se obriga ao acortellamento, e 1 voto a favor do texto proposto polo SLG, onde se autorizan ambos acabados, sempre e cando acade os grados fixados pola marca.

Así, os oito vogais das industrias, os tres de ASAGA en representación dos cebadoiros, os 2 de Unións Agrarias e os 2 de Gandeiros Galegos da Suprema votaron a favor de eliminar da marca "todas aquelas granxas que non ceban ou aquelas granxas que non teñen instalacións para cebar xatos", lamenta o sindicato.

Modelo intensivo

O sindicato alerta da "grande irresponsabilidade que implica o feito de apoiar ir cara a un modelo de produción intensivo e industrial para a Tenreira Galega Suprema", unha modificación que debe ser ratificada pola UE  e que "que vai no sentido contrario dos valores cos que se xerou a marca. A medio prazo, advirte, "o prezo pagado ao sector produtor baixe, redundando nas dificultades que nestes últimos anos veñen afrontando as gandeiras e gandeiros de carne".

Comentarios