Rosa Conde

“O goberno galego debe responder pola desaparición do Pastor”

A que foi segunda entidade en Galiza desaparece após case 250 anos de existencia, engulida polo Banco Santander. O Banco Pastor fica sen ficha bancaria propia nin sede social no país, reducido a unha simple marca comercial que tamén desaparecerá. Rosa Conde, delegada da CIG, advirte das consecuencias laborais, económicas e sociais desta desaparición.

Banco popular pastor CIg

- É a fin do Banco Pastor?

- Iso é o que parece, o que se desprende do que nos di o Banco Santander. Oficialmente comunícannos que proceden a un proceso de integración xurídica. Nunha primeira fase, absorción do Pastor polo Popular e nunha segunda, do Popular polo Santander. Iso vai supor a desaparición do Pastor como tal, fica sen ficha bancaria.

- Queda só como marca…

- No seu momento, cando o Popular mercou o Pastor, tamén fixo así porque xuridicamente tíñao que facer. Posteriormente o Popular segregou parte dos seus activos e volveu constituír o Banco Pastor cunha nova ficha bancaria…

- Non semella que iso vaia ser o que faga o Santander..

Non parece. Nós entendemos que a decisión de poñer fin ao Pastor vai ser prexudicial desde moitos puntos de vista. O laboral, o primeiro, manter o Pastor sería moi importante para preservar o maior número de empregos. Se imos cara á  desaparición da ficha do Pastor evidentemente a duplicidade vai implicar unha reestruturación brutal. O propio Santander fala de que cando finalice a integración xurídica e a integración operativa abordará o que considera unha necesaria reestruturación.

Cando o Santander comprou o Popular-Pastor, Feixóo comprometeuse a facer xestións coa dirección do Santander para que mantivesen o Pastor, que respectasen os postos de traballo en Galiza e que se mantivese a política de apoio ao tecido produtivo galego. Agora queremos saber se realmente fixo algo.

- Que supón a fin do Pastor para a economía galega?

- Entendemos que é unha moi mala noticia para a economía e o tecido produtivo de Galiza. As decisións sobre operacións a facer aquí vanse a tomar en Madrid, coa perspectiva que iso implica, de falta de proximidade e de coñecemento da nosa realidade. De manter a filial, iso permite unha estrutura propia no territorio que coñece esa realidade e as decisións que se adoptasen serían máis axeitadas.

- A fin do Banco Pastor pon un cravo máis no ataúde do sistema financeiro galego…

Efectivamente. Abanca é o que é, está implantada en Galiza mais é dun grupo venezuelano e ten a vocación que ten. O Pastor era como o último reduto. Ademais, o Banco Popular [adqueriu o Pastor en 2011] decidira hai un ano apostar pola filial do Pastor: en Galiza o número de oficinas do Popular ía ficar reducido a cinco. Quería que a marca do grupo en Galiza fose a do Pastor, porque tiña cota de mercado estábel, coñecemento, respecto, unha historia e unha traxectoria. Pero chegou o Santander, comprou o Popular-Pastor e todo este proceso parouse.

- Esta semana instastes a un pronunciamento do goberno galego sobre o que está a pasar co Pastor.

Reunímonos cos grupos parlamentares para que pregunten ao goberno galego e este diga se fixo algunha xestión, tal e como prometeu no seu día. En xullo pasado, cando o Santander comprou o Popular-Pastor, o propio Núñez Feixóo comprometeuse a facer xestións e falar coa dirección do Santander para que mantivesen o Pastor, que respectasen os postos de traballo en Galiza e que se mantivese a política de apoio ao tecido produtivo galego. Agora queremos saber se realmente fixo algo, se houbo esas xestións, porque polo que vemos agora se as fixo ese resultado non foi moi positivo. O goberno galego debe responder pola desaparición do Pastor. Queremos saber cal foi a mediación, se a houbo, do goberno da Xunta en todo este tema. E queremos saber cal vai ser o papel tamén na fase que comeza agora: Van facer de mediadores? Van facer algún tipo de acción para que na medida do posíbel non haxa perda de postos de traballo? Estamos falando de 2.300 empregos directos en Galiza do grupo, dos cales 1.300 son do Pastor.

- Tamén se está agora no proceso de homolxenización entre os traballadores e traballadoras das tres marcas, Santander, Popular e Pastor…

- En principio agardamos que o banco expoña esta sexta feira, nunha xuntanza en Madrid, cal é a súa proposta e cal son as liñas que van definir o marco da negociación.

Comentarios