'A esencia da orixe' ou como valorizar a gandaría de calidade: "Sen ela non existe a alta cociña"

Viaxar nunha xornada até o lugar onde se producen os alimentos de calidade é a proposta que ten o GDR A Limia-Arnoia para dignificar a produción agrogandeira. A iniciativa comezou pola parroquia vereerense de Pitelos, na comarca de Terra de Celanova.
Marcos Nogueiras ollando cara a súa explotación de raza rubia galega en extensivo na explotación que ten no municipio de Verea, Terra de Celanova (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marcos Nogueiras ollando cara a súa explotación de raza rubia galega en extensivo na explotación que ten no municipio de Verea, Terra de Celanova (Foto: Nós Diario).

Coa idea de visibilizar e pór en valor a gandaría de calidade, o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia levou até a parroquia de Pitelos, en Verea (comarca de Terra de Celanova) o programa A esencia da orixe. Nel recoñeceuse o traballo da gandaría Nogueiras, unha iniciativa familiar que traballa a carne de vacún en todo o seu ciclo. A iniciativa terá unha periodicidade anual e estará compartida co GDR do Baixo Miño a través do proxecto de cooperación Eu Rural. 

A xerente do GDR Limia-Arnoia, Eva González, explica a Nós Diario que o obxectivo da proposta é “valorizar e pór o foco en quen está a producir, non existe alta cociña se non hai gandeiros ou agricultores de calidade”. Ademais, entende que “todo o traballo que fai esta xente no rural é imprescindíbel para mantelo vivo e que se protexa a biodiversidade, a paisaxe e a cultura”. González apunta que “moitas veces falamos de gastronomía e dos produtos groumet desde unha perspectiva urbana e non se coñece o lugar onde se produce, neste caso a aldea de Pitelos”. 

O exemplo de Pitelos

O GDR que xestiona Eva González acolle 25 concellos situados nas comarcas de Allariz-Maceda, Terra de Celanova, A Limia e Baixa Limia ao que se lle engade o municipio de Taboadela na de Ourense. En total son 190.000 ha, segundo o Sistema de Información Xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) en 2022, das que as fontes cartográficas máis recentes cuantifican a Superficie Agraria Utilizada (SAU) no entorno de 22-23%, o arborado arredor de 30% mentres que as superficies a mato ocuparían 40% do territorio. 

O feito de escoller unha parroquia do municipio de Verea (Terra de Celanova) non foi unha casualidade. “Queremos que a iniciativa viaxe por estas comarcas e, no caso de Pitelos, sabemos que é un punto importante da gandaría en extensivo con razas autóctonas”. 

Confirma esta circunstancia a Nós Diario o alcalde desta localidade, José Antonio Pérez Valado (BNG) para o que esta actividade “representa riqueza e fixar poboación”, ademais de “manter limpos os montes para loitar contra o risco de incendios na zona”. No municipio, con datos do censo agrario de 2020, conviven 47 explotacións censadas (das que catro son de gando vacún e dúas de ovino) que rebelaron unha produción de 4.349.786 euros. En relación ao gando, o concello conta cun censo de 2.606 unidades de gando maior (UGM). 

Para a iniciativa A esencia da orixe, Pitelos, ademais, contaba  por ter un exemplo singular de explotación gandeira ben visíbel. “Entrando na aldea xa localizas enseguida uns pastos inmensos con exemplares de cachena e rubia galega, unha experiencia que queriamos que a xente vivise desde o inicio”, indica González, “ademais tivemos en conta a súa situación e que nela viven só sete persoas”, engade. 

Gandaría Nogueiras

A protagonista do programa deste ano, ademais do propio lugar e a súa xente, é a gandaría Nogueiras. Esta explotación gandeira conta cunha historia que conxuga emigración e interese por desenvolver un proxecto de vida no rural galego. As súas orixes están nunha primeira granxa con poucos animais que, tras a emigración a Suíza da segunda xeración nos anos 70 e o retorno nos 80 para instalarse maneira definitiva en Pitelos. O actual responsábel da explotación, Marcos Nogueiras, pertence á terceira xeración e conta a Nós Diario como “despois duns inicios relacionados con outros traballos a decisión foi a gandaría”, un proxecto de vida que comezou “cunhas trinta rubias galegas” que seu pai tiña estabuladas “entrando e saíndo todos os días”. 

O proxecto gandeiro virou ao pasar a ser unha explotación en extensivo de maior tamaño que agora conta con 340 cabezas. Nese momento tamén introduciron outra raza da zona, a cachena, coa intensión de diversificar a oferta. O maior problema que tivo Marcos Nogueiras para completar o proxecto foi atopar terras. “Non é doado arrendar, malia que moitas están abandonadas”, relata este gandeiro, “houbo quen quixo que as traballáramos mais outros aínda a día de hoxe prefiren telas a monte”, engade. A solución chegoulles por parte das entidades de monte comunal, en concreto a de Sabucedo que lles cedeu 25 ha, para pasar despois ao concello da Bola con 50 ha máis. “Houbo que rozar moito polas toxeiras que había”, lembra Nogueiras. Até 2021 non conseguiron alugar o monte comunal dos seu lugar, Pitelos. Agora mesmo contan, entre montes comunais e privados, un total de 60 ha.  

En 2010 decidiron fechar o círculo e abrir, xunto con dous socios máis que despois desistiron, unha carnizaría en Celanova. “Pensamos en vender o noso propio produto de maneira directa, sen depender de intermediarios”, sinala este gandeiro.   Contan con clientes particulares que se desprazan quilómetros para mercar nela e realizar encargos. “Temos varios que se achegan desde Vigo”, recoñece Marcos Nogueiras. 

Da gandaría Nogueiras, coa carnizaría, viven dúas familias. Malia ser unha explotación en extensivo, o seu responsábel indica a Nós Diario que tamén lle afectou o aumento dos custos de produción. “O gando que traballamos está a pasto mais antes de vendelo está no interior e o prezo dos cereais aumentaron moito, no nos caso triplicouse”, afirma. Porén, ese aumento non o trasladaron na mesma medida ao cliente, non foi o caso doutras gandarías da zona que traballan o intensivo e dependeron máis de mercar produtos para os seus animais. "É duro, os animais comen todos os días e tes que estar mais, pola contra, tes a liberdade de manexar o tempo ao teu gusto", conclúe este gandeiro.

As experiencias desta gandaría e as dúas familias que traballan nela quedarán gravadas nun audiovisual que se realizou durante unha semana en Pitelos co apoio do GDR A Limia-Arnoia para que as persoas que non poideron estar nesa parroquia teñan a posibilidade de coñecer o traballo que facilita a alimentación de calidade. "Sen estes exemplos non teríamos gandaría e agricultura no país", afirma Eva González,  "e aínda que nós como GDR non poidamos subvencionar a actividade, si podemos axudar a promocionala", conclúe.

A esencia da orixe, nunha xornada

O proxecto A esencia da orixe presentouse este mes na parroquia vereense de Pitelos (Terra de Celanova). Alén do apartado lúdico, coa actuación musical do cuarteto Caramuxo, o evento contou coa degustación de produtos da zona, incluída a carne, cociñados polo ponteareán Iván Méndez e o lalinense Álex Iglesias. Ademais, houbo obradoiros para todas as idades e unha visita ás instalacións da Gandaría Nogueiras nese mesmo lugar.

Comentarios