A gandaría galega soporta o prezo do leite máis baixo

O sector leiteiro segue á cola do Estado español en beneficios
Vacas nunha explotación leiteira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vacas nunha explotación leiteira. (Foto: Nós Diario)

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e os representantes da mesa sectorial do vacún mantiveron esta quinta feira, 2 de novembro, un encontro no que "constataron" unha mellora nas marxes da actividade produtora, após uns anos "complicados". 

Aínda que os custos de produción no Estado español se estabilizan, "a Galiza segue a ser a zona do Estado onde o leite se paga ao menor prezo, sendo un produto de maior calidade", afirma a Nós Diario Manuel Da Cal, coordinador xeral da Federación Rural Galega (Fruga). "É evidente que se o prezo é mínimo, aínda que os custos non suban, o beneficio segue a ser insuficiente", engade.

Unha valoración que comparten desde o Sindicato Labrego Galego (SLG). "Afirman que se estancou o custo de produción baseándose no prezo do alimento e da electricidade cando a situación actual é incerta", explica a este xornal Xulio Fernández, coordinador do sector leiteiro do SLG, que ve na afirmación do Ministerio unha posíbel escusa para as empresas "baixar máis os prezos".

Descende a produción

A directora xeral de Producións e Mercados Agrarios, Esperanza Orellana, presidiu unha xuntanza na que tamén se analizou a evolución dos principais indicadores do mercado, de cara a ter unha visión máis precisa da situación actual do sector. 

A mesa sectorial tamén estudou o comportamento dos prezos percibidos polo sector gandeiro, que descenden desde marzo, despois de marcar rexistros históricos en 2022. 

En relación á produción de leite, os datos dispoñíbeis de 2023, até setembro, reflicten unha diminución, tendencia que se iniciou en 2022 após os incrementos rexistrados desde que finalizou o réxime de cota láctea, en marzo de 2015. A diminución na produción de leite foi asociada ao descenso do número de granxas e dos censos de vacas acontecido no ano 2022.

Comentarios