Unións Agrarias carga contra as lácteas Río e Celta por querer rebaixar a cotización do leite en orixe

O sindicato agrario afirma que o recorte de prezo que reciben as gandarías sería "letal" para as explotacións.
Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca  de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Unións Agrarias (UUAA) advertiu esta cuarta feira a empresas como Leite Río e Celta de que as explotacións gandeiras galegas non van consentir unha nova baixada do prezo do leite en orixe despois de ter sufrido xa unha en marzo e outra en agosto de 2023.

As empresas están comunicando caídas de até tres céntimos por litro nos próximos meses, "o que suporá o fechamento de granxas dada a delicada situación financeira na que se atopan pola suba imparábel dos custos de produción e a caída dos ingresos", denunciou o sindicato.

Desde a organización agraria iniciarase unha campaña de denuncia contra aquelas empresas que "teñan tentacións de mellorar a súa conta de resultados a custa da ruína das granxas". 

Neste sentido, chamou a atención sobre o feito de que "son precisamente aquelas que máis se envolven na bandeira galega, só como estratexia de mercadotecnia, as que tratan levar á baixa as cotizacións do leite".

Porén, UUAA valorou moi positivamente que as empresas de recollida e transformación láctea Naturleite e Lactalis comprendesen, "despois dunha negociación coa representación das explotacións gandeiras, que unha nova caída de tres céntimos no prezo do leite en orixe sería letal para as produtoras". 

"A retirada do recorte nas cotizacións lácteas para esta campaña abre o camiño para que outras compañías do sector afonden neste compromiso coas explotacións e axuden a soster o principal motor económico da economía do medio rural galego", afirmou a organización.

O sindicato tamén fixo un chamamento ás Administracións para que "actúen de modo decidido contra aquelas compañías que incumpren a Lei de Cadea e obrigan a vender a perdas". 

Comentarios