Galiza ten a peor cobertura de Internet de banda larga do Estado español

Tres de cada dez galegas non teñen posibilidade de acceder a velocidades por riba dos 100 Mbps
As velocidades de conexión a internet lastran un servizo de calidade. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As velocidades de conexión a internet lastran un servizo de calidade.

O último informe da Secretaría de Estado de Telecomunicacións sobre o despregamento da banda larga no Estado español sitúa Galiza á cola de todos os territorios, cunha taxa de cobertura de Internet por ADSL de máis de 2 megabits por segundo (Mbps) inferior a 70%, e que no caso de velocidades de máis de 10 Mbps descende até 52,71%.

Compensa un pouco a situación a implantación da rede de fibra óptica, que chega a 56,29% dos fogares galegos. Aínda así, 28% da poboación ─unhas 750.000 galegas─ non teñen posibilidade de acceder a unha rede con velocidades superiores a 100 Mbps, o que lastra a competitividade das familias e das empresas galegas e dificulta moitas tarefas cotiás. 

Así o denuncia a Confederación Galega de Asociacións Veciñais 'Rosalía de Castro', unha entidade que aglutina varias federacións e unhas 500 asociacións, e que amosa a súa "profunda preocupación" polo feito de que a cobertura de telefonía móbil e Internet siga a ser "moi deficiente" en numerosos puntos da xeografía galega.

Os problemas de conectividade fixéronse, se cabe, máis evidentes durante a crise da Covid. Unha enquisa da Confederación Galega de ANPA revelaba que ao redor dun terzo das familias galegas con fillas ou fillos escolarizados carecían de acceso a redes apropiadas e aos medios necesarios para poder terminar o curso de forma telemática.

Tamén son frecuentes as críticas desde o rural, onde as gandeiras e gandeiros sofren un dobre illamento por mor da falla de conectividade. Esta situación é especialmente sensíbel nun contexto no que o sector tende cada vez máis cara a dixitalización dos procesos produtivos e dos trámites coas administracións.

Maior implicación das Administracións

Segundo o informe da Secretaría de Estado, nas zonas rurais cunha densidade inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado, a xuño de 2020 a cobertura a 100 Mbps chegaba a 63% da poboación, unha porcentaxe que ascendía até 90% se a velocidade obtida eran 30 Mbps.

Á vista destes datos, a confederación de asociacións veciñais reclama "un maior e urxente investimento por parte das Administracións" que permita salvar a situación de illamento tecnolóxico na que viven unha gran parte dos galegos e galegas e que lastra a súa competitividade.

Neste senso, desde a institución piden aos poderes públicos que antes de actuar tomen conciencia real da situación do problema, xa que, advirten, pode dar lugar a "percepcións enganosas" acerca da cobertura na Galiza. E é que, segundo apuntan desde a entidade veciñal, "pódese confundir a posibilidade de conectarse nunha zona coa posibilidade de facelo en concreto no interior do fogar", e poñen como exemplo as casas tradicionais de pedra, "que supoñen moi boa pantalla para o sinal de telefonía móbil".

"O que realmente fai falta é vontade por parte das responsábeis das tres administracións ─concellos, Xunta e Estado─ e dos poderes públicos", insisten desde a confederación de asociacións veciñais, que marca como vías para acadar a tan ansiada solución o incremento do investimento en infraestruturas e a simplificación da burocracia.

Comentarios