Galiza rexistra até outubro un déficit de 352 millóns de euros

O déficit sitúase en 0,54% do PIB, lonxe das previsións de 0,1% para todo o ano.
[Imaxe: Xunta de Galiza]. Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa
photo_camera [Imaxe: Xunta de Galiza]. Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa

Galiza desvíase da súa previsión de déficit para o presente exercicio. De feito, nos dez primeiros meses do ano, as contas públicas arroxaron un saldo negativo de 352 millóns de euros, o que representa unha desviación de 0,54% do Produto Interior Bruto (PIB) do país, segundo os datos que publica esta segunda feira o Ministerio de Facenda. Esta porcentaxe dista do 0,1% de desviación fixado para o presente exercicio e supera tamén a media do resto de territorios do Estado español, que se sitúa en 0,35% do PIB. 

En comparación co mesmo período de 2018, o déficit galego aumenta considerabelmente, xa que naquelas datas contaba cun superávit de 226 millóns (+0,36%). Se o comparamos co mes anterior (setembro) o incremento é máis acusado. Sobe de 279 a 352 millóns, e d 0,43% a 0,54% no que se refire a porcentaxe do PIB galego.

No que atinxe ao Estado español, o conxunto dos territorios rexistraron un déficit de 4.428 millóns de euros entre xaneiro e outubro, o que representa 0,35% do PIB. Este dato contrasta co superávit de 1.632 millóns do mesmo período do ano pasado, cando supuxo 0,14% do PIB. De feito, só catro territorios presentaron un saldo positivo nos dez primeiros meses do ano. Trátase de Canarias (+0,87%), Nafarroa (+1,16%), A Rioxa (+0,02%) e Euskadi (+0,9%). O resto rexistraron déficits, con Castela-A Mancha á cabeza (-1,42%).

Nos once primeiros meses do ano, o déficit do Estado experimentou unha notábel contracción. Segundo os datos que manexa o Ministerio de Facenda, o déficit reduciuse 6,2%, até os 10.987 millóns de euros, o que supón o 0,88% do PIB, fronte ao 0,97% do mesmo período do ano anterior. Porén, o déficit do conxunto de administracións públicas, excluíndo as corporacións locais, non seguiu a mesma tendencia. Subiu 35%, até os 17.577 millóns de euros, o 1,41% do PIB.

Comentarios