ENQUISA DA POBOACIóN ACTIVA

Galiza reduce o paro en 41.000 persoas en 2015 mais a taxa de actividade mentense en niveis preocupantes

Os dados da Enquisa da Poboación Activa (EPA) correspondentes ao cuatro trimestre de 2015 indican que ao longo do ano pasado o número de persoas no paro en Galiza descendeu en 41.000, situándose en 222.700 desempregadas. A taxa de paro é no noso país do 17,74%, inferior pois á do Estado español (que está no 2 por cento). Unha taxa de desemprego que é maior entre as galegas (18,6%) que entre os galegos (16,9%). En paralelo, o 2015 foi un exercicio no que o número de ocupados experimentou un incremento de 32.000 persoas, situándose en 1.032.500.

Canda o emprego e a produtividade, a participación laboral condiciona o potencial do medre da economía.

Porén, a EPA tamén deita indicadores preocupantes sobre o presente, e mesmo o futuro, de Galiza. A taxa de actividade galega é a máis baixa do Estado, só Asturies ten rexistros peores. A taxa de actividade mide a relación entre a poboación de 16 ou máis anos (poboación en idade laboral) e a que está activa, é dicir, ou ben ten traballo ou ben procúrao activamente. Na Galiza esa taxa é do 53,3%, sete puntos por baixo da media española e a 20 puntos de distancia da media de centro e norte de Europa. Unha taxa que indica que de cada 100 persoas en Galiza de 16 ou máis anos apenas 53 teñen traballo ou están a buscar activamente un.

Caída demográfica, emigración, resignación

A caída demográfica, a emigración, o abandono na procura de emprego... estes e máis factores deixan pegada na taxa de actividade. Unha taxa que, a medio e longo prazo, é chave para o medre económico dun país. E en Galiza as proxeccións de futuro apontan a que esta taxa vai seguir indo a menos, o que converten o noso país -de non variar a situación- en insostíbel e deficitario, pois non se poderían manter gastos como pensións, sanidade... por mor da baixa proporción de poboación a traballar.

Diferentes estudos e análises debullan que parte da evolución da taxa de actividade resposta a factores estruturais e que parte a cambios coxunturais, e polo tanto reversíbeis. Entre os primeiros, e no que atinxe a Galiza, explórase a demografía (avellentamento da poboación, emigración) ou a estrutura económica. Desde metade do século XX Galiza foise afastando cada vez máis do Estado en canto a taxa de actividade, abríndose unha fenda que non para de se alargar.

Dificultades

O 45% das persoas en paro levan máis de dous anos nesta situación, e polo tanto xa sen dereito a percibir a prestación contributiva do SEPE, o que os sitúa nunha situación de extrema necesidade, lembran desde a CIG. O sindicato nacionalista di que se estima que a finais de 2015 son 75.100 os fogares no que todos os integrantes están no desemprego.

Comentarios