A Galiza perde 26 millóns ao mes coa deslocalización de empresas

Un total de 46 empresas abandonaron a Galiza no primeiro trimestre do ano para se asentar noutros territorios do Estado, unha dinámica que sitúa o país en saldo negativo —marchan máis sociedades das que veñen— e que se traduce na perda de por volta de 26 millóns de euros mensuais. Madrid é o destino de catro de cada dez empresas que abandonan a Galiza.
Operario (Nós Diario)
photo_camera A deslocalización de empresas cara a outros territorios do Estado afecta sectores diversos.

46 empresas marcharon da Galiza entre xaneiro e marzo, segundo o informe que publicou Informa D&B, unha consultora especializada, cifra superior ás que nese mesmo trimestre fixeron o camiño á inversa (40). Tres meses nos que o capital das sociedades que optaron por se ir para se asentar noutros territorios do Estado é case 80 millóns de euros superior ás que viñeron domiciliarse na Galiza.

Desas 46 empresas, case 40% optaron por se asentar en Madrid. A capital do Estado leva tempo sendo unha 'succionadora': nestes tres meses recibiu 470 sociedades das 1.366 que cambiaron de domicilio en todo o Estado español.

Após Madrid, Catalunya é o outro foco de atracción, se ben en moita menor medida, para as empresas que marchan da Galiza: sete neses tres meses. Completa o podio Andalucía, onde se foron asentar cinco sociedades que antes estaban na Galiza.

Dinámica que se mantén

Ao longo de 2021 marcharon da Galiza para domiciliarse noutros territorios 113 empresas. Madrid foi tamén entón o principal destino das sociedades galegas que marchan e acolleu 51 das 113, a distancia da seguinte, Catalunya, onde se domiciliaron 13. Entre 2013 e 2019 marcharon da Galiza para outras comunidades do Estado español máis de 830 sociedades, que facturaban por volta de mil millóns de euros. En todos os exercicios, Madrid foi o destino preferente.

Segundo se sinala nun estudo do Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) teñen a súa sede en Madrid 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras. Ademais, e como dato de relevancia para a Galiza, máis de 4.300 sociedades e empresas que operan na Galiza tributan en Madrid, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística.

A maior caída da produción industrial

Onte publicouse o Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) correspondente a abril, rexistrando unha forte queda de 8% en comparación co mesmo mes de 2021. 

Desta maneira, a Galiza situouse como o territorio do Estado onde máis caeu a produción industrial no cuarto mes do ano, mentres que a media estatal rexistrou unha baixada de 0,4%, após cinco meses en positivo. Unha fenda de máis de oito puntos entre a Galiza e o Estado.

No que vai de ano, a produción industrial galega diminuíu 6,5% de se comparar cos datos do primeiro cuadrimestre do exercicio anterior, mentres que no total o Estado subiu 2%.

Os mencionados rexistros apuntan a unha difícil situación na Galiza do sector industrial, como levan advertindo desde hai tempo non só os axentes económicos e os sindicatos, tamén a oposición. 

Comentarios