113 empresas abandonaron a Galiza o ano pasado, 51 delas para domiciliarse en Madrid

No mesmo período, 76 sociedades de Madrid viñeron a domiciliarse na Galiza.

A Patrulla Aguia, sobrevoando Madrid, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Patrulla Aguia).
photo_camera A Patrulla Aguia, sobrevoando Madrid, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Patrulla Aguia).

Ao longo de 2021 marcharon da Galiza para domiciliarse noutros territorios 113 empresas, mentres que o traxecto contrario fixérono 162, o que deixa un saldo favorábel ao noso país de 49 empresas.

Madrid é o principal destino das sociedades galegas que marchan e acolle 51 das 113, a distancia da seguinte, Catalunya, onde se domicilian 13. Tamén é Madrid de onde proceden a maioría das empresas doutros territorios que veñen domiciliarse a Galiza, 76.

Entre 2013 e 2019 marcharon da Galiza para outras comunidades máis de 830 sociedades, que facturaban por volta de mil millóns de euros. En todos os exercicios, Madrid foi o destino preferente destas sociedades. 

Nos tres primeiros trimestres de 2021 case 4.400 empresas cambiaron o seu domicilio dunha comunidade a outra no Estadio español. Un ‘baile’ de sedes no que hai unha clara gañadora: Madrid, territorio que suma ao seu ‘efecto capital’ e a recentralización política e económica xestada nos anos de ‘Gobernos Aznar’ o practicar o que desde outras comunidades (Valencia, por exemplo) sinalan como ‘dumping fiscal’.

Desas máis de 4.000 sociedades, case 1.700 dirixíronse a Madrid para situar alí o seu novo domicilio social. Suman entre todas un volume de negocio de case 2.300 millóns de euros. 

Segundo se sinala nun estudo do Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) teñen a súa sede en Madrid 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras. Pola contra só manteñen o enderezo social na Galiza 5,3% das 1.000 maiores empresas do Estado, 5% das 500 máis grandes e 4% das 100 primeiras.

A consecuencia disto Madrid concentra unha quinta parte da renda estatal, dispondo de 19,2% do Produto Interior Bruto (PIB) en 1,6% do territorio. Porén, isto só é posíbel pola localización a efectos fiscais e sociais en Madrid de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutras áreas do Estado.

Comentarios