Galiza pagou a electricidade máis cara do Estado español en 2019 e 2020

80% dos concellos galegos contan con instalacións de xeración eléctrica.
Torretas de alta tensión (Foto: Europa Press).
photo_camera Torretas de alta tensión. (Foto: Europa Press)

A electricidade non a pagan todos os territorios por igual. Malia que a lóxica convida a pensar que aquelas áreas produtoras deben ter uns prezos máis baixos por razóns de eficiencia e por presentar uns gastos de transporte menores, son as zonas que non xeran electricidade onde a factura da luz é máis reducida. As consecuencias desta situación son evidentes para os cidadáns e empresas localizadas naqueles territorios de grande xeración enerxética, destacando, no caso das segundas, a perda de competitividade e provocando, mesmamente, a súa deslocalización cara a zonas onde os custos da produción son máis reducidos.

Galiza pagou a electricidade máis cara do Estado nas anualidades de 2019 e 2020. Segundo se recolle nun estudo elaborado polo colectivo de debate enerxético Bidán, conformado por Fernando Branco, Manuel Cabarcos e Quico da Silva,“Galiza pagou durante este tempo a electricidade máis cara do Estado, 38 millóns de euros en total a pagar entre os 2,7 millóns de habitantes, mentres que na Comunidade de Madrid foi de 2,4 millóns a pagar entre 6,7 millóns de habitantes”. A explicación a esta situación débese buscar na lexislación do sector eléctrico, que permite ao Goberno do Estado recargar na factura da luz os denominados suplementos territoriais, isto é unha sorte de imposto á xeración da que están exentas aquelas areas consumidoras mais non produtoras.

Un dos membros do colectivo Bidán, Quico da Silva denuncia, en declaracións a Nós Diario, o contrasentido da actual regulación enerxética. “Aos que reclamamos unha tarifa eléctrica galega dinnos que non é posíbel porque o prezo da luz é único para o Estado, mais despois a través dos suplementos territoriais fíxanse prezos diferentes, obrigando a pagar máis os cidadáns e empresas das áreas produtoras”, afirma da Silva, quen crítica “o trato discriminatorio da Galiza en relación con Madrid”. 

“Madrid é deficitaria en enerxía eléctrica en 95%. Porén, no ano 2004 houbo até sete proxectos de instalación de centrais eléctricas de ciclos combinados que usan gas natural e hoxe non ten ningún pola negativa dos políticos madrileños non dispostos a cargar co seu custo social e ambiental”, lembra da Silva, quen advirte “que a práctica totalidade das eléctricas que operan na Galiza teñen a súa sede social fóra e a maioría delas en Madrid”. Sen ir máis lonxe, ese é o caso de Naturgy, marca comercial da mercantil xurdida da absorción de Fenosa por Gas Natural e Endesa, propiedade da italiana Enel, compañías con importantes intereses no país. 

A situación de Madrid contrasta coa da Galiza. Así, da Silva lembra que “8 de cada 10 concellos galegos teñen algunha instalación de xeración, ben sexa hidráulica, eólica, biomasa, coxeración ou ciclo combinado, ascendendo a cifra a 9 de cada 10 no caso de ir adiante a totalidade dos proxectos actualmente en tramitación”. A este respecto, engade que “se a isto lle sumamos as liñas de evacuación precisas estariamos falando de 100% de ocupación para o conxunto dos concellos, coas implicacións que iso ten no ámbito ambiental ou da ordenación territorio”.

Unha factura que non é nosa

Os galegos no seu recibo da luz pagan unha parte da factura eléctrica dos cidadáns doutras partes do Estado. Segundo sinala Quico da Silva, “a tarifa eléctrica soporta custos de solidariedade interterritorial, nomeadamente os extrapeninsulares. Este sobrecusto cargábase totalmente no recibo, uns 1.500 millóns ao ano. Agora, despois dunha decisión política, o 50% é soportado polos orzamentos do Estado e os outros 750 millóns continúan no 
recibo eléctrico”.

Galiza exporta un 30% da súa enerxía

Galiza exporta unha terceira parte da electricidade que produce. “Anualmente xeramos da orde de 27.000 a 33.000 xigavatio-hora de electricidade, cando a demanda para consumo galego non chega a 20.000. Isto quere dicir que a terceira parte da electricidade que producimos non se utilizan na Galiza”, sinala a Nós Diario o profesor Ramón Varela quen destaca, que “se traslada a territorios que podemos considerar privilexiados xa que consumen o produto final, a electricidade, mentres aquí deixan a contaminación e os custos sociais. Así, por exemplo en 2018 exportamos o 35% do total da enerxía producida e en 2019 o 25%”. 

O profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago, Adrián Dios cuestiona os beneficios da especialización produtiva da Galiza na xeración eléctrica. 

“Galiza ten unha matriz produtivista dentro da organización económica española, cunha posición subordinada, onde estamos encargados de producir  electricidade para fornecer a Madrid, malia ser excedentarios”, afirma, e sinala que “non deixa de ser curioso que se afonde na especialización produtiva no ámbito enerxético cando o sector industrial ligado ao mesmo está en proceso de desmantelamento” .“Tal e como funciona o sistema tarifario español para Galiza non hai ningunha vantaxe de exportar electricidade”, conclúe Dios en conversa con Nós Diario.

Unha tarifa eléctrica axeitada á capacidade de produción de cada territorio é unha constante nos Estados europeos. Así, acontece en Alemaña, Dinamarca, Noruega ou Suecia porén o Goberno español rexeita de forma reiterada esta demanda formulada desde sectores da sociedade galega. A súa posta en práctica representaría beneficios para Galiza mais tamén a fin dos privilexios para outras partes do Estado, nomeadamente Madrid, que se aproveitan da enerxía galega. 

Comentarios