mércores 08.04.2020

Galiza bateu en 2019 un novo récord de xeración a partir de renovábeis

O pasado ano, 65,2% da produción eléctrica galega foi con fontes libres de CO2.
Parque eólico na Galiza (Imaxe: Pixabay)
Parque eólico na Galiza (Imaxe: Pixabay)

Galiza bateu en 2019 un novo récord de xeración de enerxía a partir de fontes renovábeis. En total, a produción situouse en 24.845 xigavatios hora (GWh), dos que 65,2% corresponderon a tecnoloxías renovábeis, o que supón 9,7% máis que o pasado ano e un novo máximo histórico desde que se teñen rexistros. 

Así se desprende dos datos  do avanzo do informe do sistema eléctrico do Estado español publicado por Red Eléctrica, e que sitúa a Galiza lixeiramente por debaixo da media, xa que o pasado ano 65,4% da enerxía que se produciu no territorio español tivo a súa orixe en tecnoloxías sen emisións de CO2.

A eólica volveu tirar do mix galego, cun histórico 35% da xeración eléctrica no país, mentres que a hidraúlica foi responsábel doutro 28,4%, o que as sitúa como tecnoloxías líderes na estrutura de xeración galega. 

Por detrás destas están os ciclos combinados, que representaron 13,9% do total; a coxeneración (10,1%) e o carbón, cuxa contribución descendeu 76,1% respecto a 2018 como consecuencia do parón das centrais das Pontes e Meirama (Cerceda), até o 9,9% da enerxía producida na Galiza. Completan o mix o continxente doutras renovábeis (1%) e os residuos renovábeis e non renovábeis, cunha aportación de 0,7%  en cada tecnoloxía.

Cae a demanda

Dende REE sinalan que o aumento da produción renovábel débese en parte a posta en servizo de 394 novos megavatios de potencia eólica e fotovoltaica, o que eleva até os 11.416 MW o parque de xeración na Galiza, 4% máis que en 2018.

No período analizado, tamén destaca a caída da demanda, que foi 9,4% inferior á rexistrada o pasado ano e que acadou os 18.351 xigavatios.

comentarios