O recibo da luz aumenta un 46,5% no que vai de xuño e apunta ao máis caro da historia

Segundo datos de Facua-Consumidores en Acción.

O prezo da luz abeira un novo record.

O recibo da luz dun usuario medio disparouse un 46,5% nas tres primeiras semanas de xuño, fronte ao mesmo período do ano pasado, apuntando así á factura máis cara de toda a historia, segundo datos de Facua-Consumidores en Acción.

Segundo estimacións realizadas pola asociación sobre a evolución da tarifa regulada ( PVPC), se se  extrapolan a un mes completo os prezos aplicados do 1 ao 21 de xuño, o recibo do usuario medio sería o máis caro da historia, alcanzando os 88,76 euros (impostos incluídos). Desta maneira, a factura superaría o seu importe máis alto até a data, os 88,66 euros do primeiro trimestre de 2012.

Cos datos das tres primeiras semanas de xuño, a factura do usuario medio sufriría unha suba interanual de 28,18 euros, un 46,5% por riba dos 66,58 euros que representou o recibo en xuño de 2020. A factura do usuario medio do pasado maio foi de 82,13 euros.

O usuario medio utilizado por Facua nas súas análises ten unha potencia contratada de 4,4 quilowatts (kW) e un consumo de 366 quilowatts hora ( kWh) mensuais.

En canto ás porcentaxes de consumo nos tres tramos horarios do novo sistema de facturación, a asociación tomou como referencia o actual perfil de usuario medio sen discriminación horaria publicado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ( CNMC), que consome o 45% da electricidade no horario val, o 29% na horario punta e o 26% no horario ‘meseta’.

O prezo medio do  kWh do 1 ao 21 de xuño foi de 13,66 céntimos en horario val (sempre cos impostos incluídos), 18,45 céntimos en horario ‘meseta’ e 30,66 céntimos en horario punta. En xuño do ano pasado, o prezo medio sen discriminación horaria foi de 11,31 céntimos e en xuño de 2019 de 13,78 céntimos. En canto á media do pasado maio, foi de 17,20 céntimos.

Se se ponderan os consumos do usuario medio en cada tramo horario, o prezo medio do  kWh estes primeiros 21 días de xuño ascende a 19,83 céntimos, un 75,3% por riba dos 11,31 de xuño de 2020. O prezo achégase ao pico histórico da segunda semana de xaneiro de 2021 (do 8 ao 14), cando atinxiu os 20,64 céntimos, segundo os cálculos da asociación.

Facua reclama ao Goberno solucións ante "os brutais incrementos" tarifarios que continúan aplicando as eléctricas e un cambio no novo sistema de facturación por tramos horarios en vigor desde o 1 de xuño.

Comentarios