domingo 24/10/21

A Galiza fica á cola do Estado na previsión de crecemento de PIB

Galiza e Estremadura son os territorios onde se producirá o menor crecemento do PIB en termos interanuais.

Camiñantes pola zona vella de Santiago de Compostela (Foto: Arxina)
Camiñantes pola zona vella de Santiago de Compostela (Foto: Arxina)

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) publicou esta cuarta feira, 3 de agosto, a estimación do Produto Interior Bruto (PIB) das comunidades autónomas para o segundo trimestre de 2021, e sitúa Galiza e Estremadura na cola do Estado.

Pola contra, Balears, Catalunya e Valencia son os territorios onde se produciría o maior crecemento do PIB en termos interanuais, varios puntos porcentuais por encima do conxunto do Estado, que se coloca en 19,8%.

En concreto, segundo recolle os datos da AIReF, Illes Balears tería un crecemento de 25,6%, mentres que Catalunya figura cunha taxa interanual de 25,1% e Valencia de 23,9%.

En contraposición, Estremadura colócase como a comunidade autónoma coa evolución máis desfavorábel, ao rexistrar un incremento de 14,5%. Na cola tamén se atopan a Galiza (15,3%) e a Rexión de Murcia (15,5%).

A  AIReF defende que as elevadas diferenzas entre as comunidades deben ligarse máis á forza da contracción experimentada no segundo trimestre de 2020 e, en menor medida, á intensidade do crecemento trimestral do segundo trimestre de 2020.

Tras Balears, Catalunya e Valencia, hai tamén outros territorios que se sitúan por encima da media estatal: Canarias (20,9%), Aragón e A Rioxa (20,1%) e Andalucía (20%).

Por baixo desta medida do Estado están Asturies (17,7%), Madrid (17,6%), Nafarroa (17%), Euskadi (16,8%), Castela-A Mancha (16,7%), Cantabria (16%), Castela e León (15,7%) e as anteriormente citadas Murcia (15,5%), a Galiza (15,3%) e Estremadura (14,5%).

En termos trimestrais

No que respecta aos termos de taxas de variación trimestral, o crecemento máis débil apréciase en Cantabria, cun incremento de 2,1%, seguido por Estremadura e a Comunidade de Madrid, con aumentos de 2,2%. Balears destaca tamén aquí pola súa expansión (4,1%), superior en máis dun punto á do Estado (2,8%), seguido de Catalunya e Canarias (3,3%).

Neses termos, os territorios que se sitúan por encima da media estatal son, ademais de Balears, Catalunya e Canarias, Andalucía e Valencia (2,9%), mentres que Euskadi crecerá á vez que a media española, 2,8%.

Pola súa banda, están por baixo da media española Asturies (2,7%), Aragón e Galiza (2,6%), Murcia (2,5%), Nafarroa, Castela e León e Castela-A Mancha (2,4%), A Rioxa (2,3%), Madrid e Estremadura (2,2%) e Cantabria (2,1%).

comentarios