domingo 27/09/20

O furtivismo de verán segue a causar danos nos bancos galegos de marisco

Este verán tan atípico trae de novo o problema do furtivismo que estraga o traballo anual das mariscadoras. A vixilancia forma parte, desde hai anos, do seu labor e algunhas voces piden atallar a rede de comercialización naqueles casos nos que participan estabelecementos hostaleiros.  
Mariscadoras e bañistas na praia do Bao na Illa de Arousa (Riobó Prada)
Mariscadoras e bañistas na praia do Bao na Illa de Arousa (Riobó Prada)

As mariscadoras recuperan pouco a pouco o seu traballo nas costas galegas logo de meses de parada froito da situación de pandemia. Dentro da "normalidade” deste sector figura a presenza no verán de bañistas que aproveitan o bo tempo para visitar as praias galegas. Estes días as redes sociais deron conta con imaxes da recollida ilegal dos moluscos, unha situación que cada ano produce grandes perdas ao sector. No perfil de persoa infractora non está só o turismo.

O destino final do apañado vai desde o autoconsumo até o negocio ilegal no que tamén se implican os estabelecementos hostaleiros que dan saída ao marisco apañado de maneira ilegal.       

A Illa de Arousa é un exemplo da difícil convivencia entre mariscadoras e bañistas que aproveitan a visita ás praias para levar marisco. "É un problema que temos cada ano pola cantidade de visitantes que veñen", explica a mariscadora Mari Carmen Dios, presidenta da asociación de Produtores de Mariscos e Cultivos Mariños, "non notamos unha diminución de afluencia, cada ano hai máis". Ademais do traballo de preparar as praias para mariscar e o marisqueo en si, tiveron que engadir outro labor máis os últimos anos: a vixilancia das praias.

"Imos en parellas ou en grupos de tres tentando controlar a maior parte do territorio, todo é case imposíbel e agora somos 70 mulleres cada día" polo que asegura que "non saen das praias mais non para gozar do verán". No momento en que observan que alguén tenta levar marisco pasan aviso ao servizo de vixilancia, que é o que procede. 

Concienciación e vixilancia intensiva

Varias campañas, algunhas con participación de coñecidos artistas da Galiza, tentaron concienciar as persoas visitantes de que respecten o traballo das mariscadoras. Mesmo a maior parte das praias da Illa contan con cartaces indicadores que alertan de que está prohibido. "Estou convencida de que é unha canallada e non falta de información", explica Mari Carmen Dios. Pola súa experiencia "cando unha persoa non sabe que está a facer algo mal non se preocupa de se o ven ou non e non, é así".

Na Confraría de Miño conseguiron atallar o furtivismo coa vixilancia intensiva e un ríxido control. "Para renovar os carnés hai que facer un número de vixilancias ao ano que son no verán, que é cando hai máis xente nas praias de xuño a setembro", explica a Nós Diario o seu patrón maior, José Manuel Fernández

Máis control e cortar a comercialización

As mariscadoras da Illa recoñecen que trataron este tema en varias ocasións coa Consellaría do Mar, e a resposta sempre é a mesma: hai pouco persoal en inspección pesqueira para todo o territorio. "Deberían reforzar a vixilancia polo menos no verán, que é cando maior problema temos", asegura esta mariscadora. 

Miguel Ángel, percebeiro na Coruña e mariscador en Sada, explica a Nós Diario que no caso de querer eliminar o negocio que hai "non é tanto estar enriba do furtivo, mellor é cortarlle as canles de venda". Na Coruña están organizados e xa fixeron varias campañas avisando os bares que mercan de maneira ilegal. "Avisámoslles de que se continúan virá Facenda ou Sanidade con multas que poden superar os 2.000 euros". 

Denuncian que a lei non funciona

"En Sada collen ameixas e normalmente son os mesmos", explica Miguel Ángel, "chamas á Xunta e deixas constancia de que hai furtivos... logo veñen ou non veñen, e iso cansa", engade. Por este motivo recoñece que nese municipio deixaron de avisar para que o solucionen. "Se os collen o único que van é unha sanción administrativa e como son insolventes non as pagan", sinala.

Entende que a nova lei que sacaron contra o furtivismo "non funciona en realidade" aínda que ao principio "retirou as infractoras que tiñan patrimonio e podían pagar as multas". Agora explica que, no caso do percebe na Coruña, "chegamos a ter algúns con 80 denuncias á mesma persoa mais non saen os xuízos". O perfil da furtiva ou furtivo "mudou estes últimos anos", segundo Miguel Ángel, polo que entende que "os que quedan nesta práctica ilegal non teñen nada que perder".

Arousa recupera o seu mercado mentres noutras zonas seguen os prezos baixos

A pandemia afectou as mariscadoras ao inicio polo fechamento da hostalaría e a imposibilidade de vender o seu marisco. Mari Carmen Dios asegura a Nós Diario que a situación mudou na maior parte do territorio mais asegura que onde mellor está é na ría de Arousa. "Agora penso que as lonxas están a vender a uns prezos bos", sinala, "iso si, a pandemia atrasou as labouras de acondicionamento de bancos marisqueiros, e a resemente que preparamos en viveiros para futuras campañas", asegura.

Non acontece o mesmo noutras zonas. Julia ten a concesión para mariscar en Sada e continúa sen ir aínda traballar. "Os prezos continúan a ser moi baixos", explica a Nós Diario, "agora mesmo están a 2 euros o quilo polo que non nos merece a pena ir mariscar", engade.   

comentarios