mércores 08.04.2020

Preocupación no mar pola crise do coronavirus

As últimas medidas estabelecidas polo Goberno español para frear o avance do coronavirus afectan a un sector pesqueiro e marisqueiro xa castigado pola caída das vendas como consecuencia do feche dos negocios de restauración, un dos seus principais clientes. 
Posto de venda de peixe na Praza de Abastos de Compostela (Arxina).
Posto de venda de peixe na Praza de Abastos de Compostela (Arxina).

O sector pesqueiro galego comeza a padecer os efectos da crise do coronavirus. Pese a que o peixe e o marisco seguen a chegar aos mercados e puntos de venda de alimentación, as traballadoras empezan a sufrir as consecuencias das medidas fixadas polo Goberno español e mesmo temen o cese da súa actividade, estratéxica para a economía galega. 

As últimas restricións na mobilidade das persoas fan que máis de 240 mariñeiros galegos de cerco estean atrapados a día de hoxe en Euskadi. Como explica a Nós Diario Andrés García, portavoz da Asociación de Armadores Cerqueiros da Galiza (Acerga), "os desprazamentos están a ser moi complicados, mesmo hoxe fixeron dar a volta a un grupo de mariñeiros que quería volver á casa. Tamén pasa cos barcos con base en Malpica que están na Coruña". 

As novas restricións limitan á metade da capacidade o uso de furgonetas e, no caso dos coches, a unha única pasaxeira. "Os mariñeiros queren faenar, pero exixen unhas instrucións claras e concisas por parte do Goberno de Madrid", sinala García, quen apunta que sen a mobilidade garantida a flota podería parar "e iso supón un gasto enorme", sobre todo cun bo nivel de capturas e prezos "razoabelmente bos".

Tamén son altos o prezo do marisco, pero como denuncia Xosé Iglesias, mariñeiro de baixura, "o problema é que non hai quen as queira", e o mesmo sucede co polbo, xa que son produtos cunha alta demanda no sector da restauración, agora practicamente parado. Tamén coas percebeiras, que xa non saen por non poder colocar o seu produto. De feito, Xosé xa está a pensar en mudar de arte para deixar de coller robalizas ou linguados para apostar no peixe miúdo, como pescada, samonete, xurelos ou fanecas, que teñen mellor saída. "A ver se a xente se tira, porque se non hai clientela para comprar, a nós vainos sentar coma un mazazo", advirte. "E iso que no mar aínda non hai coronavirus!", engade. 

Sen dereito ao cese

Ao igual que Xosé, Verónica Veres, presidenta da Federación Galega de Redeiras O Peirao, amósase "moi preocupada" pola situación que está a desencadear o contexto excepcional de alerta polo coronavirus. Como recoñece a este diario, "estamos mal porque non podemos facer o noso traballo. As que teñen que andar polos portos están paradas, porque non se poden desprazar, e as que traballan na casa teñen para unha semana". 

A esta difícil situación súmase que moita da materia prima que precisan para facer o seu traballo vén desde Italia e a China, dous dos focos principais da pandemia. Queren cesar a súa actividade, ao igual que fan outros sectores, pero non poden. 

Onte mantiveron unha xuntanza para analizar a súa situación, pero antes xa mandaron unha carta á Xunta na que exixen que a súa actividade quede recollida no decreto que permite beneficiarse do cese da actividade.

Ademais, denuncian que o seu é un traballo no que xa de por si "as medidas de hixiene non son as mellores" o que, sen o material de prevención adecuado, tamén supón un risco engadido. 

Medidas de apoio

A caída na demanda de peixe e a considerábel baixada de prezos en determinadas lonxas levou a que diversas organizacións e o Bloque Nacionalista Galego, a través da deputada Ana Miranda, pediron a Bruxelas activar e flexibilizar o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP) para mitigar o impacto que o cese das actividades pesqueiras e marisqueiras pode ter na economía das familias que viven destes sectores na Galiza.

Na mesma liña, a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) reclama ás administracións a adopción de medidas que faciliten o mantemento da actividade pesqueira co gallo de garantir o abastecemento á poboación.

Nun comunicado, a cooperativa de armadores advirte da posibilidade de que as medidas de restrición de circulación estabelecidas no Estado español e a nivel comunitario afecten ao desempeño do seu labor. En concreto, aseguran que a caída de prezos derivada do feche da hostalaría e as dificultades para distribuír subministros representan as principais "preocupacións" das asociacións da cooperativa.

Ante esta situación, que se ve agravada pola imposibilidade de renovar as tripulacións e enviar técnicos aos barcos, os armadores de Vigo reclaman ás institucións a prestación de apoio económico a tripulantes e empresas no caso de que as medidas aplicadas pola crise sanitaria impliquen a suspensión da actividade pesqueira.

Ademais, a cooperativa anunciou que vén de iniciar un traballo en colaboración coa Confederación de Empresas Pesqueiras (Cepesca), a Asociación de Organizacións Nacionais de Empresas Pesqueiras da Unión Europea (Europeche) e a Asociación Europea de Organizacións de Produtores Pesqueiras (AEOP) de cara a conseguir a aplicación de medidas por parte da Xunta, o Goberno estatal e a propia Unión Europea que permitan garantir a actividade do sector mentres dure a crise sanitaria polo coronavirus.

comentarios