xoves 29/10/20

Os furanchos exixen máis prazo para vender o que quedou da súa colleita

A actividade tradicional dos furanchos conta cada ano con tres meses para desenvolverse. A Xunta concede como máximo até o mes de xullo.
Furancho en Chapela
Furancho en Chapela

"Estamos nun momento de incerteza", asegura José Luís Videira, portavoz da Federación de Furanchos de Pontevedra, "o Goberno galego non fixo unha norma clara adaptada á situación de pandemia que vivimos". A súa é unha actividade tradicional de moita sona no sur do país que consiste en darlle saída ao excedente das colleitas de viño familiar. Por norma teñen tres meses para funcionar entre xaneiro e xuño mais nesta ocasión, coa situación excepcional da chegada da COVID-19, moitos furanchos non abriron ou quedaron a medias cando se aplicou o estado de alarma. A piques de vencer o prazo ordinario, a Xunta da Galiza recomendou aos concellos estender até 31 de xullo, e de maneira excepcional, o permiso para que funcionen. A decisión, segundo explica Videira a Nós Diario, "tomouse sen contar con nós nin consultarnos".  

Ademais dos prazos desde os furanchos, ou loureiros outra das súas denominacións, demandan que se teña en conta que os seus estabelecementos "non son hostalaría" polo que non se lles pode aplicar "as mesmas normas que teñen eles". Videira explica que son "unha actividade excepcional que ten un tempo moi limitado". Os prazos de presentación de documentación e permisos que lles teñen que conceder os concellos nos que estean localizados tampouco lles facilitan comezar antes. "Por moito que corran poden tardar uns sete días e xa estamos a mediados do mes de xuño", explica este furancheiro.

Silencio por parte da Xunta da Galiza

Os furanchos, uns 500 asociados na federación, tentaron comunicarse en varias ocasións coa Xunta para explicarlle a súa situación e aínda non obtiveron resposta. As cartas, a primeira data de 7 de abril e a segunda de 18 de maio, estaban dirixidas á Vicepresidencia da Xunta e solicitaban permiso para poder abrir o mesmo tempo que se viron obrigados a estar fechados pola declaración do estado de alarma. 

As consecuencias do feche antes de tempo dos furanchos tería graves consecuencias. Nas actuais circunstancias o risco certo ao que se enfrontan moitos furanchos do sur da Galiza é que en 31 de xullo, data na que deberán fechar a cancela, terán nas súas cubas parte da pasada colleita e sen poder buscar saídas alternativas, polo que o quebranto económico será grande para as familias que contan con esta actividade.

Punto álxido en setembro

Coa chegada da nova colleita a situación empeorará. Cando dean comezo os traballos da colleita deste ano e sen posibilidades de embotellar o excedente de viño que lles reste desde 31 de xullo, terán que decidir se botan polo sumidoiro ese remanente ou deixar de vendimar parte da nova colleita. "O único que pedimos é que a Xunta facilite aos concellos poder darnos un prazo maior que se achegue ao tradicional de tres meses", explica Videira, "non é a nosa intención competir coa hostalaría", engade. O portavoz da Federación de Furanchos sinala que se a Xunta non actúa "sería unha torpeza pola súa parte" e non lles quedará máis remedio que saír á rúa como xa fixeron 

Unha actividade tradicional que topou coas administracións

Os furanchos contan cunha longa tradición no sur do país. Segundo explica José Luís Videira, hai documentos que certifican que hai 300 anos xa estaba regulada esta actividade e pagaban taxas. Cando a administración prohibiu a venda de viño das colleiteiras e colleiteiros á hostalaría comezou unha convivencia difícil. "Antes era o mesmo viño e se vendían máis nos bares había menos nos furanchos", explica Videira.

En 2008, após varias reunións entre hostalaría e furanchos, chegouse a un acordo que regulaba o seu funcionamento, até entón rexido polas distintas ordenanzas municipais. A intención dos furanchos foi sempre a de “expulsar” o intrusismo. O decreto actual data de 2012 e nel obrígase a contar cunha declaración das tapas que se serven e unha memoria do viño que se vende.

comentarios