Fondos de investimento e terceiros estados. Quen manda nas grandes eléctricas españolas?

O ano comezou, e continúa, coa luz batendo récord de prezos máximos para desesperación de millóns de clientes e usuarios. Non así para os accionistas das principais compañías do sector. Un abano que abrangue desde bancos e xestores de fondos a empresas de gobernos estranxeiros.

 

Luz eléctrica

No 1997 comezou a liberalización do sector enerxético, deixando este de ser servizo público. O paso xustificouse co argumento de que se entraría nunha nova etapa, marcada `pola mellora na eficiencia e nos prezos para o consumidor. Unha década despois, non aconteceu nin un nin outro. De 1998 a 2015 o prezo da luz aumentou un 80% para os 28 millóns de consumidores. E entre 2008 e o terceiro trimestre de 2015 as tres grandes eléctricas (Endesa, Iberdrola e Gas Natural-Fenosa) rexistraron beneficios superiores aos 56.600 millóns de euros. No mesmo período, a luz subiu un 52%, o duplo que a media na Unión Europea.

Cinco son as eléctricas que integran Unesa, Asociación española da industria eléctrica, a gran patronal do sector eléctrico. Endesa, Iberdrola, Gas Natural Fenosa, Eon / Viesgo e EDP. Agrupan por volta de 90% da venda a clientes finais e 60% da venda no mercado maiorista. ‘Observatorio crítico da enerxía’ debullou entre o seu accionariado.

No accionariado de Iberdrola atopamos Qatar Investiment, cun 9,7% de participación, a Kutxabank, cun 3,47% e a Black Rock, o maior xestor de fondos do mundo e que ten sede en EUA, cun 3.02%.  Até o fondo de pensións noruegués fai parte do accionarado de Iberdrola, cun 3.02%.

No que atinxe a Endesa, o 70,9% é de Enel, compañía cuxo principal accionista é o Ministerio de economía e finanzas italiano. Se pousamos a mirada no accionariado de Gas Natural-Fenosa achamos que a Fundación La Caixa é maioritaria, cun 34,4%. Repsol participa cun 30% e tamén ten unha tallada importante Sonatrach, que é propiedade do estado alxerino.

EDP, de por parte, está en mans de China Three (propiedade do goberno chinés) e de Capital Group, unha xestora de fondos radicada en Estados Unidos. A primeira ten o 21,3% das accións e a segunda case o 17%. Completa a forto o 4,06% das accións desta eléctrica que están en mans de Senfora, propiedade de Abu Dhabi.  Por último. Eon / Viesgo é propiedade nun 60% dun banco de investimento con sede en Australia e nun 40% de Kuwait Investiment Authority.

Pablo Cotarelo, autor do informe 'O custo real da enerxía' mantén que entre 1998 e 2013 os pagamentos indebidos ás eléctricas movéronse entre os 66.000 e os 76.680 millóns de euros. “O sistema das grandes empresas non é sostíbel sen esas axudas e subvencións públicas”, afirma.

Comentarios