O prezo do gas deixa sen aplicación, por primeira vez desde a súa entrada en vigor, a 'excepción ibérica'

O prezo medio da luz para a clientela de tarifa regulada na quinta feira será de 86,66 euros/MWh, 7,7% superior ao da cuarta feira.
Imaxe de arquivo dunha factura da luz. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo dunha factura da luz. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

A caída no prezo do gas natural situou o prezo de referencia para as centrais nesta quinta feira nos 31,77 euros por megawatt hora (MWh).

Así, o prezo de referencia para as centrais de gas sitúase por primeira vez desde que entrou en vigor o mecanismo, a mediados de xuño, por baixo do tope de 40 euros/MWh. Desta maneira, a ‘excepción ibérica’ non será aplicada, aínda que se volverá reactivar cando supere de novo esa barreira.

O prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada na quinta feira será de 86,66 euros/MWh, 7,7% superior ao da cuarta feira, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE) recollidos por Europa Press.

O prezo máximo rexistrarase entre as 21 e as 22 horas, con 122,96 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 64,22 euros/MWh, darase entre as 15 e as 16 horas.

A ‘excepción ibérica', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses.

Compensación negativa

Esta cuarta feira a compensación ás gasistas, que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estar no mercado libre, teñen unha tarifa indexada, lanzou un saldo negativo, con -1,27 euros/MWh, primeira vez desde que existe o mecanismo.

Fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico indicaron que este axuste foi negativo polo baixo prezo do gas no mercado, que deixou o prezo de referencia para as centrais de gas en 41,49 euros por megawatt hora (MWh), moi perto do prezo de referencia de 40 euros/MWh da ‘excepción ibérica’.

Comentarios