martes 27/10/20

Fitch rebaixa a perspectiva de Abanca a 'negativa'

A axencia de cualificación mantén as notas de solvencia a longo prazo mais xa non lle dá a perspectiva de "estábel".
O presidente Escotet fala ante a atenta mirada do conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas (Abanca).
O presidente Escotet fala ante a atenta mirada do conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas (Abanca).

A axencia de cualificación de crédito Fitch ratificou as notas de solvencia a longo prazo de Abanca, Ibercaja e Unicaja, aínda que lles retirou a perspectiva "estábel" e colocounas en "negativas", polo que podería revisar á baixa a cualificación que emite sobre as tres entidades no curto prazo. En concreto, a axencia mantivo o rating de Ibercaja en 'BB+', que implica situarse en grao de especulación e con calidade crediticia cuestionábel, tamén coñecido como "bono lixo".

Os de Abanca e Unicaja deixounos en "BBB-", respectivamente, xusto un chanzo por enriba de Ibercaja. Neste caso, a nota estabelece que ambas as entidades atópanse en grao de investimento con calidade aceptábel. A descrición realizada polos analistas de Fitch é a mesma para os tres bancos.

Así, consideran que ningún corre un risco "inmediato" polo impacto da crise económica derivada da pandemia, xa que contan cuns niveis de capital que lles proporcionan marxe para absorber a deterioración da rendibilidade e da calidade dos activos. 

Perspectiva negativa

Con todo, a perspectiva "negativa" vén xustificada porque os riscos están algo inclinados cara á baixa se se adopta unha visión a medio prazo, especialmente se a crise no Estado español resulta ser máis profunda ou se a recuperación ao final é máis débil da esperada. Neses casos, intensificaríase a presión sobre a calidade dos activos das tres entidades, así como unha menor xeración de ganancias, o que previsibelmente tería un impacto negativo sobre o capital. Fitch prevé que a taxa de desemprego, que xa está por encima da media de 14,1%, repuntará a 18,3% este ano e a 19,3% en 2021.

comentarios