Feixoo castiga as autónomas galegas

Galiza era, desde hai semanas, o único territorio sen axudas directas ás pemes e as autónomas. Agora, cunhas eleccións á volta da esquina, Feixoo anuncia cartos para axudar a este colectivo a adaptar as súas instalacións, pero queda á marxe das accións levadas a cabo por outros gobernos para aliviar a súa delicada situación financeira.
54 autónomas galegas déronse de baixa cada día o pasado mes de abril (Arxina).
photo_camera 54 autónomas galegas déronse de baixa cada día o pasado mes de abril (Arxina).

Un total de 84.665 autónomas galegas cobraron onte, 29 de maio, a prestación extraordinaria pola crise da COVID-19 aprobada polo Goberno español, que ten unha contía mínima de 661 euros mensuais (70% da base reguladora) e exonera temporalmente as traballadoras do pago das cotas á Seguridade Social.

Sectores como o comercio, a hostalaría ou a construción son as grandes beneficiarias destas axudas, concentrando case a metade das solicitudes concedidas. Detrás delas hai centos de familias que manteñen a economía do país e que ven con certo estupor como o Goberno galego as deixa de lado mentres noutros territorios do Estado español gozan de axudas directas a fondo perdido. Na Galiza, contan cunha liña de avais para solicitar empréstitos, que máis pronto que tarde terán que devolver e que só serven para elevar aínda máis o seu endebedamento.

Moitas destas traballadoras e pequenas empresas están nunha situación crítica. Algunhas delas xa tiveron que baixar definitivamente as reixas do seu negocio  ou liquidar as súas pequenas empresas, o que se traduce nunha considerábel destrución de emprego nun momento en que a estabilidade laboral das galegas debería ser a principal preocupación do Executivo de Feixoo. Só no mes de abril, Galiza perdeu 1.629 autónomas, a maior caída en afiliacións desde que hai rexistros

Agravio comparativo 

Pero o peor desta situación é que este colectivo está a ser discriminado en relación a outros territorios do Estado español, onde os Gobernos non dubidaron en saír ao rescate da parte máis feble do seu tecido empresarial.

Até onte, cando Feixoo anunciou após a reunión do Consello a aprobación dunha liña de axudas de 16 millóns de euros para sufragar os gastos de adaptación das instalacións onde traballan estas profesionais, Galiza era, xunto con Aragón, o único territorio que non facilita ningún tipo de axuda directa a fondo perdido a estas traballadoras. No resto do Estado español, a contía global das axudas e as características das mesmas tamén varía dun territorio a outro. Así, en Catalunya, as axudas a cada autónoma poden chegar até os 2.500 euros. En Madrid, algo máis, 3.200 euros que o goberno da Isabel Díaz Ayuso, compañeira de filas de Feixoo suma ao pago das cotas de marzo e abril á Seguridade Social. 

Nas veciñas Asturias e Castela e León, os gobernos rexionais aprobaron unha achega de 400 euros ao mes no caso da primeira e, no da segunda, o pagamento de 60 euros ao mes durante seis meses e de 40% das cotizacións sociais a cada autónoma, unha cifra que aumenta até 427 euros no caso de que non se puidesen acoller ao subsidio por cese de actividade do Goberno español. Cantabria, por exemplo, foi máis orixinal e creou un "cheque resistencia" de entre 150 e 300 euros semanais mentres dure o estado de alarma e sempre que manteñan persoal.

O orzamento para estas partidas son tamén moi variados. En Andalucía, o montante total é de 50 millóns. En Baleares, onde moitos negocios dependen do turismo, o importe consignado acada os 75 millóns, e en Euskadi as axudas englóbanse nun plan de 586 millóns.

8 millóns para as afectadas por ERTE e maiores de 55

A Xunta ten cartos para axudar as traballadoras, pero de momento prefire destinalos a outros fins. Esta mesma semana, o departamento que dirixe Francisco Conde anunciou unha liña de axudas de 8 millóns de euros que irán destinadas ás traballadoras e empresas en Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), que xa gozan das axudas do Goberno estatal, e a maiores de 55 anos afectadas pola extinción do seu contrato. 

A letra pequena do acordo entre a patronal, os sindicatos e o Goberno galego especifica que esas axudas só irán a parar ás empresas que teñan en marcha un ERTE que afecte a máis de 300 traballadoras, co que quedan fora desta liña, dotada con seis millóns de euros, a meirande parte das empresas galegas, incluíndo pemes e autónomas.

O executivo de Feixoo sae así ao rescate das grandes empresas, que son as que deberían ter máis músculo financeiro para poder facer fronte á situación derivada da crise sanitaria da COVID-19. A Xunta trata de vendelo como un xesto de solidariedade coas persoas que máis están a pagar a crise.

"Hoxe, máis que nunca, desde a Administración, os sindicatos e a patronal queremos estar coas persoas que se están vendo máis afectadas pola situación económica e laboral destes momentos", chegou a sinalar o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ao termo da reunión telemática realizada esta quinta feira. Pero a realidade é que as pemes e as autónomas, un colectivo que representa 99% do tecido empresarial da Galiza, seguen á espera de que a Xunta decida mirar por eles tamén, e non só polas grandes empresas.

Comentarios