Galiza perde en abril 1.629 autónomas, a maior caída de afiliación desde que hai rexistros

As asociacións apontan ao "dramático" da situación. 
negocios

Galiza perdeu no mes de abril 1.629 autónomas, a maior caída de afiliación dun mes desde que hai rexistros, segundo destacan en senllos comunicados as asociacións de traballadores por conta propia Agtamar-UPTA e Feaga.

Así, ao finalizar abril, o número de traballadoras e traballadores autónomos na Galiza sitúase en 206.411, mentres que no Estado español perdéronse 41.250 afiliados ao réxime de autónomos no cuarto mes do ano, marcado pola crise do coronavirus.

Feaga alerta que Galiza perdeu "cada día de abril 54 autónomas". Ademais, lembra que non computan como peche "os máis dun millón de autónomos" de toda o Estado que solicitaron a prestación por cesamento de actividade, xa que están obrigados a continuar de alta para cobrar.

Após avisar do "panorama dramático para o emprego en xeral e para o autónomo en particular", Feaga demanda "unha mudanza radical" nas políticas públicas que pasen pola "redución" da presión fiscal, "rebaixas" nas cotizacións, axilización do pago a provedores por parte das administrciones ou a "eliminación das trabas burocráticas", entre outras.

Pola súa banda, UPTA sinala que o "balón de osíxeno" que supuxo o cesamento de actividade "freou unha caída histórica", aínda que alertou que se non se prolonga o estado de alarma "non haberá as axudas negociadas co Goberno".

Comentarios