A facturación da industria cae na Galiza e aumenta no Estado

Descendeu 3% na Galiza en xaneiro mentres a media no Estado aumentou 1,6%.

Traballadores do sector industrial (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadores do sector industrial (Foto: Nós Diario).

A cifra de negocios da industria galega caeu 3% en xaneiro en relación ao mesmo mes de 2023, segundo os datos difundidos esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta cifra contrasta coas rexistradas a nivel estatal, xa que no total de España a industria aumentou a súa facturación un 1,6%.

Co avance de xaneiro, producido a pesar da caída da facturación da enerxía, as vendas da industria española recuperan taxas positivas despois de que pechasen o último mes de 2023 cun retroceso interanual do 8,1%.

Así, Galiza segue sen recuperar os niveis de produción industrial previos á coñecida como Gran Recesión, iniciada en 2008, a diferenza do acontecido na media do Estado español e do espazo da Unión Europea.

As debilidades do complexo industrial galego teñen un claro impacto no emprego, pasando de ocupar 210.200 persoas en decembro de 2008 a 174.700 en decembro de 2023, último mes con datos. A este respecto, atendendo ás cifras da Enquisa da Poboación Activa (EPA), Galiza perdeu nese período 34.500 postos de traballo na industria.

A facturación da industria galega caeu 2,9% no ano 2023 en comparación coa de 2022, un descenso máis acusado que o da media do Estado español (-1,9%), segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este descenso rompe, tanto a nivel do Estado español como na Galiza, con dous anos consecutivos de incrementos medios a dobre díxito das vendas da industria tras a irrupción da crise da Covid-19, pois a última cifra de negocios negativa do sector produciuse o ano do comezo desta pandemia, en 2020.

Comentarios