2023 remata como un mal ano para a industria galega: a facturación no sector descendeu 3%

A caída das vendas é máis acusada que a estatal.
Traballadores do sector industrial (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadores do sector industrial (Foto: Nós Diario).

A facturación da industria galega caeu 2,9% no ano 2023 en comparación coa de 2022, un descenso máis acusado que o da media do Estado español (-1,9%), segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este descenso rompe, tanto a nivel do Estado español como na Galiza, con dous anos consecutivos de incrementos medios a dobre díxito das vendas da industria tras a irrupción da crise da Covid-19, pois a última cifra de negocios negativa do sector produciuse o ano do comezo desta pandemia, en 2020.

No correspondente só ao mes de decembro, houbo unha baixada de 11% da facturación da industria galega con respecto ao mesmo mes de 2022. Un descenso tamén máis acusado que o da media estatal (-8,7%).

Na comparanza con novembro a caída das vendas da industria galega no último mes do pasado ano foi aínda maior, de 15,6%, tres décimas porcentuais máis acusada que a rexistrada no conxunto do Estado (-15,3%).

Sector servizos

Pola súa parte, a facturación  do sector servizos creceu 3,2% na Galiza no ano 2023 en comparanza coa de 2022, por encima da taxa de 2,4% de avance medio no conxunto do Estado, segundo informou esta cuarta feira o INE.

Desta maneira, o sector servizos galego encadea tres anos consecutivos de incrementos. Porén, diminúe o seu ritmo de crecemento fronte ás subas de 2022 (+26%) e 2021 (+17,8%). O último dato negativo rexistrouse en 2020, ano de inicio da pandemia, cando se experimentou unha caída de 13,6%.

No correspondente só ao mes de decembro, a facturación do sector servizos experimentou un descenso interanual de 0,8% na Galiza, maior que o estatal (-0,7%). En termos mensuais, a caída foi de 3%, tamén máis acentuada que a estatal (-0,1%).

Pola súa parte, o emprego no sector servizos creceu 1,1% na Galiza ao longo de 2023, case un punto porcentual menos que a media de aumento de 1,9% no Estado. No caso galego, tamén descende o aumento da creación de emprego con respecto á taxa de 2,5% do ano 2022.

Comentarios